A andoriña común, ave do ano 2014

A Sociedade Española de OrnitoloxíaSEO/BirdLife– elixiu hai uns días á andoriña común como ave do ano 2014 para alertar da difícil situación na que se atopa. Factores como os cambios no medio rural e nas políticas e técnicas agrarias inflúen notablemente na poboación de andoriñas, que segundo os datos extraídos do seguemento de aves que realiza a organización, descendeu nun 30% na última década.

Andoriña común

Campaña #AveDelAño 2014, andoriña común. Foto: SEO/BirdLife

A andoriña común -Hirundo rustica linnaeus- é unha ave migratoria da familia dos Hirundínidos. Ten as partes superiores negras azuladas e brancas as inferiores, agás un colar negro e a fronte e gorxa que son rubias. Un peteiro curto e negro, así como tamén o son as súas patas. Aínda que ambos sexos son moi semellantes, as femias posúen unha coloración máis apagada, co ventre un chisco máis claro e a cola máis curta.

Andoriña común

Debuxo dunha andoriña común. Tomado de SEO/BirdLife

A súa área de distribución é moi ampla, dende o Círculo Polar ata México, Sudán, China ou Vietnam. É estival en toda Europa e pasa os invernos en África. En Galicia é estival de febreiro a outubro e común en todo o territorio, sendo a máis abondosa dos hirundínidos.

Pola súa proximidade ao ser humano, forman parte da nosa cultura popular e a súa chegada, considérase anuncio da primavera.

Algún exemplo de refrán relacionado co tempo e coas andoriñas…

Anduriña moi adiantada, primaveira ben temprada

Andoriña que voa a rentes da terra chuvia venta

Andoriña que alta voa, non teme que chova

Se vos apetece seguir indagando sobre as nosas amigas as andoriñas, animámosvos a que consultedes algunha das guías de aves que temos nas Bibliotecas Municipais da Coruña e a que vexades este vídeo tan bonito realizado por SEO/BirdLife.

Acerca de nmartinezrey

Creo firmemente no poder transformador da sociedade que teñen as bibliotecas e a lectura, por iso desenvolvo a miña labor profesional como bibliotecaria. Motívame especialmente a aprendizaxe continua, o que me levou a formarme en áreas como bibliotecas escolares, community management e coaching.

Publicado el 2 abril, 2014 en CCI, Novas y etiquetado en , , , , , . Guarda el enlace permanente. Deja un comentario.

Deja un comentario