Archivo del sitio

XX Edición do Día da Ciencia na Rúa

Parque de Santa Margarida converteuse un ano máis nun gran laboratorio de probas onde os grandes protagonistas foron os nenos. O parque acolleu 43 carpas cheas de talleres, proxectos tecnolóxicos, xogos divulgativos e experimentos prácticos para celebrar o XX Día da Ciencia na Rúa e difundir o saber entre os cidadáns.

Xunto aos colexios, ás decenas de entidades e empresas que participaron activamente, tamén estiveron presentes as Bibliotecas Municipais da Coruña representadas como non, a través do seu Club de Ciencia e Investigación. Os CCI’s formaron parte moi activa unha vez máis da festa da ciencia, que xa está consolidada no calendario da cidade.

Este ano, como novidade, incorporouse á festa un novo personaxe, a mascota do Día da Ciencia na Rúa, un robot que representa a vertente tecnolóxica da festa, de nome Medusa e que por suposto nos veu visitar.

mascota

Os CCI’s foron os grandes anfitrións, amosaron o stand aos visitantes, os libros sobre a luz e as teconoloxías derivadas da luz que levamos como mostra e que os socios podían levar en préstamo, ademáis de formar parte das reseñas das guías de lectura.

 Durante todo o día os CCI´s non pararon de recibir visitantes na jaima das Bibliotecas Municipais, visitantes aos que explicaban, moi entusiasmados, os experimentos cos que traballabamos durante o ano e que reflexaban aspectos prácticos sobre a teoría da luz tales como a reflexión ou a refracción, o disco de Newton, etc.

Na nosa jaima tamén nos acompañaron membros do Grupo Naturalista Hábitat que colaboraron, un ano máis, durante algunha sesión.

Pero tamén houbo tempo para visitar o resto de jaimas nas que os CCI’s puxeron a proba as súas dotes para desenvolver a súa curiosidade, enxeño e destrezas resolvendo as probas que o resto de participantes no Día da Ciencia na Rúa tiñan preparados.

 Foi sen dúbida un día de moito axetreo, no que fóra das aulas, a ciencia mostrou con entusiasmo a súa faciana máis divertida. Aínda que baixo a apariencia do xogo houbo experimentación en estado puro, respostas a realidades explicables grazas á curiosidade científica. E ver as caras de entusiasmo e satisfación dos CCI’s resulta do máis gratificante para quen nos toca levar a dirección do programa durante o ano. Este feito é un aliciente máis que aporta máis gañas aínda de poñerse a organizar xa a próxima edición.

Este foi só un pequeno resumo do día grande do Club de Ciencia e Investigación das Bibliotecas Municipais, se queredes ver máis fotos visita a nosa galeria en Flickr.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

E aínda que o programa rematou oficialmente por este ano, queremos seguir en contacto con vós a través do blog contándovos noticias interesantes sobre a ciencia e seguro que adiantándovos algunha que outra novidade para o próximo CCI no que esperamos volver contar con vós. Vaia dende aquí o noso agradecemento aos CCI’s polo seu interese, entusiasmo e participación constante.

LUZ, cámara e aCCIón II

Hai dúas semanas tivemos unha semana do máis intensa. Quedamos coma todos os martes e xoves nas nosas respectivas bibliotecas para falar de faros na sesión Á LUZ do faro da que xa vos falamos no post anterior.
E unha vez tivemos todo falado sobre faros e fareiros nada mellor que visitar o emblema da nosa cidade, a Torre de Hércules.
Esta torre ten o privilexio de ser o único faro romano e o máis antigo en funcionamento do mundo que aínda hoxe en día cumple coa súa función primixenia: a de servir de sinal marítima e instrumento de navegación para as embarcacións. Ademáis é o terceiro faro máis alto de España. E como ben nos explicaron alí, o día 27 de xuño do ano 2009 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

DSC_0069
Unha vez estivemos todos xuntos nas escaleiras imperiales. A nosa guía contounos que a estatua que alí está é o Retrato do rey Carlos III, o monarca o cal baixo o seu reinado se inciaron as obras de remodelación da Torre.

Despois destas primeiras informacións, estabamos listos para pasar ao interior e aquí foi onde a nosa guía comezou explicándonos todo o proceso de construcción da torre, dende as primeiras pedras da muralla que a protexían ata a cúpula e as diferentes etapas e remodelacións que sufriu.
Chamounos moito a atención que as diferentes persoas que a remodelaron deixaron a súas sinais para que se soupera onde arranxaron as partes que estaban deterioradas e así os seguintes coñeceran nunha primeira vista onde estaban o erros e poder retocalos se o necesitaban.

Menos mal que todos desaunamos ben e tiñamos forzas para subir os 234 escalóns que separa a base da torre da terraza onde está situado a lámpada do faro.
Xa na terraza puidemos contemplar as vistas da baía e facer unhas fotos, agora xa só nos quedaba baixar todos eses escalóns, algo que nos custou moito menos que subilos 🙂

la foto

Xa temos ganas de que chegue o noso gran día o Día da Ciencia na Rúa, para amosar a todos os que pasedes pola nosa jaima, as fotos das nosas saídas e os experimentos que fixemos nas nosas sesións. A cita é o día 9 de Maio no Parque de Santa Margarida

A contaminación lumínica: efectos e solucións

O pasado venres 6 de marzo tivo lugar no MUNCYT unha charla sobre contaminación lumínica a cargo de Fernando Jáuregui, astrofísico do Planetario de Pamplona e presidente de Cel Fosc, Asociacion contra a contaminacion luminica.  Jáuregui falou sobre o problema da contaminación lumínica, de cómo é posible abordala e de posibles solucións para un consumo responsable.

contaminacion luminica

Dende o Club de Ciencia e Investigación das Bibliotecas Municipais facémonos eco da noticia e queremos chamar a atención sobre o problema asi como concienciar a sociedade do problema e das posibles solucións.  Cando falamos de  “contaminación lumínica”  estamos a referirnos á introdución directa ou indirecta de luz artificial no medio ambiente con intensidades, direccións, horarios e características técnicas innecesarias para o desenvolvemento normal das actividades.luminica_copia

O mal uso da luz artificial implica un desperdicio de recursos enerxéticos mais tamén afecta de maneira preocupante aos ecosistemas naturais, incluso a grandes distancias, e pode ter repercusións severas na saúde das persoas. Por iso queremos que tomedes conciencia delo.

 Por poñer algúns exemplos, algúns efectos da contaminación lumínica son:

  • Fenómenos de deslumbramento e desorientación nas aves.
  • Alteración dos ciclos de ascenso e descenso do plancton mariño, o que afecta a alimentación das especies mariñas que habitan preto da costa.
  • Incide sobre os ciclos reproductivos dos insectos, algúns dos cales teñen que atravesar grandes distancias para atoparse e non son quen de atravesar as “barreiras da luz” que forman os núcleos urbanos iluminados.
  • Rómpese ademáis o equilibrio poboacional das especies.
  • A flora vese afectada ao disminuir os insectos que realizan a polinización de certas plantas.

A pesar de ser un problema que preocupa dende xa hai varias décadas ainda queda moito traballo por facer. Dende comezos dos anos 80 existen diferentes movementos organizados de xente preocupada por este problema e que intentan promover campañas de redución da contaminación lumínica. Exemplos a seguir son as cidades que xa levaron a cabo a súa reducción mediante a instalación de sistemas de iluminación nocturnos máis adecuados que difunden unha menor cantidade de luz cara ó ceo e permiten reducir custes de electricidade.

Aquí vos deixamos un video feito polos nenos de aula2punto0 como exemplo de que podemos recuperar “as nosas noites estreladas.”

A trasLUZ: 5ª sesión do CCI 2015

Algunha vez preguntácheste cando brillou a luz por primeira vez no Universo? Case todos observamos algunha vez a saída do Sol pola mañá, o comezo dun novo día. Os astrónomos dan un paso máis e buscan as primeiras fontes de luz do Universo, observando a súa historia a través de potentes telescopios. A súa última aspiración é aínda máis ambiciosa: rastrexar toda a historia do Universo; dende o seu inicio, o Big Bang, ata o presente, case 14.000 millóns de anos despois.

A teoría ou hipótese do Big Bang (Grande Explosión) para explicar a orixe do universo, é a máis aceptada pola sociedade científica na actualidade. E precisamente disto, da orixe da Luz no Universo, do Big Bang, do Telescopio espacial Hubble (que orbita no exterior da atmosfera, en órbita circular arredor da Terra a 593 km sobre o nivel do mar, cun período orbital entre 96 e 97 min) e da Teoría da optica de Newton falamos na pasada sesión do CCI.

E logo da teoría pasamos á práctica. O traballo en equipo vai ser unha constante ao longo das vindeiras sesións:

  • Equipo blog (transmitirá a información a través do blog)
  • Equipo info (encargarase da redacción dos contidos)
  • Equipo imaxe (reflexará os contidos e o desenrolo das sesións a través de imaxes)

Deste xeito teremos todo ben recopiladiño sen que se nos escape nada para amosar no noso día grande o Día da Ciencia na Rúa (DCR) o sábado 9 de maio.

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Así que eu de vós non perdería detalle das ferramentas de traballo dos CCI’S porque van ir publicando cousas ben interesantes:
Blog de traballo da Biblioteca Infantilhttps://ccibiblioinfantil.wordpress.com/

Blog de traballo da Biblioteca Forum: https://ccibiblioforum.wordpress.com/

Pinterest: https://www.pinterest.com/ccibibcoruna/

LUZ, cámara e aCCIón I

Esta semana pasada foi ben intensa e chea de contidos para os rapaces e rapazas do noso Clube de Ciencia e Investigación. O  martes e o xoves tivemos as sesións preparatoria nas respectivas bibliotecas Infantil e Forum para poñer todo en marcha para a nosa primeira saída.

cci 008 DSC_0076

Navegamos pola páxina do MUNCYT pescudando todos os pequenos detalles:

  • Visita ao museo
  • Colección
  • Exposicións
  • Actividades
  • Investigación

Os CCIS entenderon que a misión do MUNCYT é a promoción do coñecemento e a cultura científica. Que o museo actúa como referente social e punto de encontro en materia científica e tecnolóxica desde a consideración de que cada cidadán ten un papel importante que desempeñar en ciencia e tecnoloxía. Así como que ten uns obxectivos principais moi claros:

  • Contribuír á educación científica efectiva e de calidade
  • Conservar e poñer en valor o patrimonio histórico científico e tecnolóxico
  • Ser escaparate da ciencia e a tecnoloxía españolas

Un traballo de investigación e pescuda de información que logo reflexaron nos seus blogs de traballo. A elaboración e publicación de post no Blog de traballo da biblioteca Infantil e no Blog de traballo da biblioteca Forum empeza xa a ser unha constante que os CCIS dominan bastante ben, de xeito case autónomo algo que nos marcabamos como obxectivo e que comeza a cumplirse.

 Despois do traballo de investigación chegou a tan ansiada visita. Guiados por un técnico divulgador descubrimos as  distintas propiedades da luz e as súas aplicacións tecnolóxicas mediante o manexo e fabricación de distintos aparellos e equipos lumínicos.

entroido 036 entroido 051

Coñecemos os simpáticos robots Pepexán e Marilú e as 13 xoias da colección do museo. Instrumentos dos séculos XVI a XIX. Soubemos da linterna da Torre de Hércules, o primeiro ordenador, o primeiro acelerador de partículas, a locomóvil. E especial ilusion fixo visitar a sala Iberia: A turbina, a á, as caixas negras e máis elementos do avión máis emblemático da aeronáutica, con visita á cabina do Jumbo Lope de Vega.

Rematamos a visita cun obradoiro de elaboracion de discos de Newton. Un dispositivo inventado por Isaac Newton, consistente nun círculo con sectores pintados en cores vermello, laranxa, amarelo, verde, azul, añil e violeta. Ao virar rápidamente, as cores combínanse formando a cor branca. Con este dispositivo demóstrase que a luz branca está formada polos sete colores do arco da vella, e que a cor negra é a ausencia de todas as cores.

entroido 114Deixamosvos o enlace á nosa galería fotográfica en flickr para que vexades como foi o resto da sesión e a visita.

“Nikola Tesla: suyo es el futuro”

Exposicion-Nikola-Tesla-suyo-es-el-futuro_image365_Ese é o nome da exposición sobre o inventor americano de orixe serbio Nikola Tesla que está a punto de clausurarse en Madrid. Trátase da exposición máis grande celebrada nunca sobre a figura do inventor, e ofrece ao público, por primeira vez, obxectos persoais do científico que non saíran nunca da súa terra natal.

 Posto que o noso tema a tratar este ano é a Luz e as enerxías derivadas da Luz non podia faltar a presentación e coñecemento deste xenial e cando menos curioso personaxe. Nado o 10 de xullo de 1856 – Nova York, 7 de xaneiro de 1943, Tesla  foi un inventor, enxeñeiro mecánico, enxeñeiro electricista e físico de orixe serbia e o promotor máis importante do nacemento da electricidade comercial.

Coñéceselle, sobre todo, polas súas numerosas e revolucionarias invencións no campo do electromagnetismo, desenvolvidas a finais do século XIX e principios do século XX. As patentes de Tesla e o seu traballo teórico formaron as bases dos sistemas modernos de potencia eléctrica por corrente alterna (CA) que tanto contribuíron ao nacemento da Segunda Revolución Industrial. Ademais do seu traballo en electromagnetismo e enxeñaría electromecánica, Tesla contribuíu en diferente medida ao desenvolvemento da robótica, o control remoto, o radar, as ciencias da computación.

 tesla40_17

Tesla consitúe sin dúbida unha figura fundamental da historia do progreso. Podemos afirmar que os seus descubrimentos, inventos, achegas e vaticinios permitiron o desenvolvemento da civilización eléctrica na que aínda vivimos. Non obstante, tras caer en desgraza nos albores do século XX, morreu e residiu no esquecemento ata os albores do noso século XXI. Resulta incomprensible, dada a enorme transcendencia do seu traballo, comparable á dos seus rivais Thomas A. Edison e Guglielmo Marconi, ambos os dous por certo afeccionados a osmar nas súas patentes.

Dende logo unha auténtica mágoa que a exposición sexa en Madrid, pero dende aquí si que vos recomendamos que botedes un ollo á páxina e descubrades máis curiosidades sobre Nikola Tesla.

LÚZete: 2ª sesión do CCI 2015

A pasada semana tivemos unha nova sesión do Club de Ciencia e Investigación (CCI) das Bibliotecas Municipais. Desta volta demos boa conta do uso e manexo de varias ferramentas tecnolóxicas.

Porque non queremos que os nosos investigadores e investigadoras perdan detalle de todo o que acontece durante as sesión. Queremos que estean a última de calquera novidade que se publique acerca do noso tema de investigación: a Luz e as enerxías derivadas da Luz.

 

Coñecemos e presentamos Pinterest unha nova rede social que está moi en auxe. Pinterest é a unión de dúas palabras, Pin máis Interest, que viría a traducirse como enganchar intereses, a gran diferenza desta rede social, é que é practicamente 100% visual.

Os investigadores e investigadoras utilizarán o Pinterest como ferramenta de visualización do CCI de cara a presentalo no dia grande o Dia da Ciencia na Rua (DCR).

 De xeito especial traballamos co Blog. O Blog oficial do programa, dende o que aquí escribimos será o noso principal medio de comunicación durante os días que non teñamos sesión: nel poderase consultar o calendario das sesións de todo o curso, repasar o que aprenderon en sesións anteriores cos post de resumo que imos subindo e descubrir noticias interesantes que vaiamos atopando e compartindo con eles relacionados coa luz.

 

O Blog de Traballo , da Biblioteca Infantil e da Biblioteca Forum é o sitio no que os pequenos investigadores e investigadoras poderán practicar: escribir os seus propios artigos e facer comentarios ás achegas dos seus compañeiros.

Para iso, recalcamos unhas nocións básicas, coas que aprenderon a:

  • Entrar no blog co seu usuario e contrasinal.
  • Crear unha nova entrada (distinguir entre o título e o corpo do post)
  • Engadir ao post imaxes, videos e hipervínculos
  • A importancia das categorías e as etiquetas

E logo da teoría pasamos á práctica. Axudados do material e dos libros que conforman  mostra permanente así coma da propia busca en internet e no Opac das bibliotecas os CCIS comezaron as súas primeiras pesquisas e investigacións sobre a materia. Os CCIS xa foron quen de publicar os seus primeiros traballos sobre a LUZ, as enerxías derivadas da Luz asi coma de posibles experimentos no seu propio blog de traballo. Isto só foi o comezo, de seguro que as súas publicacións darán moito que falar.

Animamosvos a que sigades os seus blogs de traballo e esteades atentos ao que se vai publicar!!

 

Inscrición para o CCI 2015: Luz en aCCIón

E luces, cámara, aCCIón!!!

Ábrese o prazo de inscrición para o CCI 2015. Só tedes que cubrir o seguinte formulario cos vosos datos e escoller a Biblioteca á que queredes asistir.

Vémonos pronto!

O CCI comeza de novo cheo de luz!!!

imaxe de publicidade do CCI 2015: Luz en aCCIón

Ola CCIs!!!

Votabádesnos de menos? Pois nós a vós si! E mostra diso é que durante todo este tempo sen novas estivemos traballando para, por fin, ofrecervos un novo CCI!

Este novo ano 2015, dende as Bibliotecas Municipais queremos sumarnos á Asemblea Anual da Organización das Nacións Unidas (ONU), que proclamou o 2015 como o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz, e adicar o noso Club de Ciencia e Investigación a experimentar e ata descubrir os segredos que a luz agocha nas sombras.

Ide preparando os ollos, a imaxinación e toda a ciencia que teñades nos vosos miolos porque o 13 de xaneiro daremos comezo a un CCI cheo de raios, cores, ondas e ata de ilusións… ópticas!

Se tedes entre 9 e 13 anos, moita curiosidade e, sobre todo, ganas de retos, podedes inscribirvos a partir do luns 22 de decembro a través do formulario que sairá neste mesmo blog. Recordade que somos 2 bibliotecas e que deberedes escoller unha delas para participar no CCI:

Biblioteca Infantil e Xuvenil. Martes ás 18.30 h.

Biblioteca Fórum Metropolitano. Xoves ás 18.30 h.

E se xa non podedes esperar máis e tedes curiosidade polo que a luz pode, ou non, facer, deixámosvos unha mostra da “maxia” desta que ata poderedes comprobar na casa.

.: Máis información a través do noso facebook

Que comece o experimento!!!