Archivo del sitio

Fotógrafos da Natureza 2014

Na sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae  da Coruña acaba de abrir ao público a exposición Fotógrafos da Natureza 2014. Unha exposición onde se mostran as mellores fotografías do prestixioso concurso “Wildlife Photographer of the Year” e que estará dispoñible ata finais de setembro en horario de 10 da mañá a 9 da noite.

aquarium

Son as imaxes máis espectaculares dos mellores fotógrafos da natureza do mundo.

Fotografías que retratan momentos únicos da fauna submarina, as aves ou os mamíferos, pero tamén do mundo vexetal e a paisaxe. A mostra recolle tamén imaxes sobre o impacto da actividade humana no planeta e convida a reflexionar sobre a importancia de preservalo.

 Entre os 72 fotógrafos premiados, orixinarios de 18 países, encóntranse 13 españois.

O concurso European Wildlife Photographer of the Year iniciouse no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (GDT nas súas siglas en alemán). Ten como obxectivo mostrar o extraordinario traballo dos fotógrafos da natureza europeos grazas ás extraordinarias imaxes que anualmente presentan. Pero tamén pretende promover o coñecemento da natureza e a súa conservación a través da fotografía.

Sen dúbida é un bo plan para disfrutar nestas vacacións. Asi que xa sabedes, CCI’s,  anotadeo na vosa axenda estival porque tedes ata o mes de setembro para visitala.

Semana Santa nos Museos Científicos da Coruña

Aviso a navegantes do CCI con ganas de aproveitar a Semana Santa.

mc2

O tres Museos Científicos Coruñeses estarán abertos tódolos días durante toda a Semana Santa (do 23 ao 31 de marzo) cun horario especial. A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae abren as súas portas ós ollos curiosos e inquedos con distintas experiencias:

Na DOMUS atoparedes a exposición interactiva “Xogo de neuronas”, sobre a intelixencia humana, na que se exploran diversos aspectos da anatomía e funcionamento do cerebro. Propón actividades que pon en práctica as diferentes habilidades das persoas, como tentar reproducir nun teclado unha melodía, clasificar uns seres extraterrestres, realizar un debuxo seguindo instrucións verbais, ou probar os reflexos e a axilidade nun panel con pulsadores a diferentes alturas que hai que tocar cando se acenden.

Como complemento, cada día a Domus ofrece 4 sesións de Cine 3D.

Na CASA DAS CIENCIAS acábase tamén de estrear o programa de planetario “Enerxía para a vida”, no que se aborda a importancia das enerxías renovables, pero tamén fala dos combustibles fósiles e da enerxía nuclear. As espectaculares animacións a toda cúpula permiten ao público voar sobre os rañaceos de Manhattan, introducirse no interior da cheminea dunha central térmica, viaxar aos confíns da nosa galaxia ou penetrarse nas tripas dun aeroxerador.

Cada día ofrece 4 sesións de Planetario dixital.

No AQUARIUM FINISTERRAE, como xa vos comentamos, temos a recente incorporación de lampreas ao tanque cilíndrico, na sala Maremagnum. Cara a mediados desta semana Santa as lampreas recibirán a compañía dunha pequena poboación de esturións.

O Aquarium inclúe ademais nas súas actividades diarias a alimentación das focas, que comen todos os días ás 11.30 e 17 horas, momento no que se convoca ao público e ofréceselle unha charla divulgativa sobre estes animais; tamén, luns, mércores e venres, ás 12 da mañá, pódese ver como se lles dá para comer ás quenllas da piscina do Nautilus.

E con todo isto, e todo o que se vos ocorra, moi bos días de minivacacións!

Á volta contádenos todo o que fixestes!

Vampiros de auga

Hai xa un mes que 20 lampreas, procedentes de A Guarda, ocuparon o tanque cilíndrico da sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae. Estes peixes parásitos, utilizan os músculos da súa boca para crear un vacío a modo de ventosa que lle permite succionar o sangue, a carne e os fluídos corporais de outros peixes. Poden chegar a comer, ao longo do seu ciclo vital, ata 20 kilos desas sustancias; deixando as presas con vida para pegarse inmediatamente a outras.

Estes “Vampiros” están, dende o 13 de Febreiro, nun tanque especial que o Aquarium adica a amosar especies estacionais. Un tanque que, ademáis de estar decorado con elementos naturais que recrean o ecosistema fluvial dun río galego, conta cunha serie de imaxes inéditas, aportadas pola Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, que percorren as fases da lamprea, dende larva á súa fase adulta.

Bulide a velas que estarán no aquarium por pouco tempo.

Aventuras no Aquarium

O Aquarium Finisterrae propón un programa especial de actividades de fin de semana chamado “Aventuras no Aquarium, que inclúe experiencias como unha visita á zona técnica ou participar na alimentación das focas. É unha ocasión para aquelas persoas que desexen coñecer a Casa dos Peixes desde outra perspectiva e realizar unha actividade especial da man do persoal especializado do centro.

As “Aventuras” propostas serán as seguintes:

Aventura coas focas. Os asistentes a esta actividade coñecerán os segredos da dieta das focas, prepararanlles a comida e participarán na súa alimentación. Sábados e domingos ás 11 horas a partir do 9 de febreiro. Dirixida a nenos maiores de 7 anos, que deben asistir acompañados dun dos seus pais.

Viaxe ao centro do Aquarium. Unha visita guiada pola zona técnica, que inclúe instalacións como o laboratorio, a cociña, as salas de filtración ou as salas de corentena. Dirixida a persoas maiores de 14 anos, celebrarase sábados e domingos a partir do 16 de marzo, ás 12 horas.

Para participar hai que inscribirse previamente chamando ao teléfono 981 189 842, a partir do 4 de febreiro, e abonar só o prezo de entrada ao Aquarium (excepto titulares de Cartón 20 e membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias), xa que é unha actividade sen custo adicional.