Archivos Mensuales: agosto 2014

Os Centros de Recuperación de Fauna Silvestre

Nestes meses de verán é máis frecuente que se atopen aves en perigo ou mal feridas, tanto nas beiras dos ríos, na montaña ou mesmo nas praias.Ante esto CCI’s debedes saber que os animais salvaxes requiren uns coidados moi específicos, por iso, temos que ser conscientes de que cando nos encontramos un animal salvaxe (aínda que estea no mesmo paseo da praia ) o máis beneficioso para o animal é estar libre e san.

Para esta tarefa existen os centros de recuperación de fauna salvaxe, que se encargan de curar, rehabilitar e liberar a todos os que poden de forma gratuíta. Isto fano posible porque coñecen a problemática e as posibles solucións. No caso das aves (e en xeral de calquera animal salvaxe), é importante actuar con rapidez e levalo canto antes a un centro, tanto se é un adulto ferido coma se é un polo acabado de nacer que caeu do niño.

Estes son algúns consellos prácticos de como actuar no caso de atopares unha ave mal ferida:

  • As aves necesitan unha hidratación axeitada (non abonda con darlles auga directamente na boca, e isto ademais pode causarlles danos irreversibles)

  • se non están correctamente hidratados, non poderán alimentarse, polo que é contraproducente forzarlles a comer.

  • A miúdo a comida que se lles proporciona na casa non é a axeitada (por exemplo: non serve de nada alimentar a base de peituga de polo un bufo pequeno posto que é un alimento preparado para seres humanos e non contén os compoñentes nutricionais que necesitan as rapazas.

  • Outra advertencia, XAMAIS lle deades a unha ave pan con leite, NON SON MAMÍFEROS). Moitos polos pasan por diferentes fases de alimentación e se se trastorna algunha delas, o animal pode sufrir as consecuencias nun futuro non moi afastado

Por iso vos pedimos encarecidamente que se atopades un animal salvaxe, vos poñades en contacto canto antes co centro máis próximo ou coas autoridades, estaredes a aumentar as posibilidades de éxito na recuperación do animal. Aquí vos deixamos o listado de todos os centros que hai en Galicia e sabede que o da provincia da Coruña está en Santa Cruz de Oleiros.

GRAZAS pola vosa colaboración e por contribuir así a mellorar o medio ambiente!

Anuncios