Archivo del sitio

Semana Santa nos Museos Científicos da Coruña

Aviso a navegantes do CCI con ganas de aproveitar a Semana Santa.

mc2

O tres Museos Científicos Coruñeses estarán abertos tódolos días durante toda a Semana Santa (do 23 ao 31 de marzo) cun horario especial. A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae abren as súas portas ós ollos curiosos e inquedos con distintas experiencias:

Na DOMUS atoparedes a exposición interactiva “Xogo de neuronas”, sobre a intelixencia humana, na que se exploran diversos aspectos da anatomía e funcionamento do cerebro. Propón actividades que pon en práctica as diferentes habilidades das persoas, como tentar reproducir nun teclado unha melodía, clasificar uns seres extraterrestres, realizar un debuxo seguindo instrucións verbais, ou probar os reflexos e a axilidade nun panel con pulsadores a diferentes alturas que hai que tocar cando se acenden.

Como complemento, cada día a Domus ofrece 4 sesións de Cine 3D.

Na CASA DAS CIENCIAS acábase tamén de estrear o programa de planetario “Enerxía para a vida”, no que se aborda a importancia das enerxías renovables, pero tamén fala dos combustibles fósiles e da enerxía nuclear. As espectaculares animacións a toda cúpula permiten ao público voar sobre os rañaceos de Manhattan, introducirse no interior da cheminea dunha central térmica, viaxar aos confíns da nosa galaxia ou penetrarse nas tripas dun aeroxerador.

Cada día ofrece 4 sesións de Planetario dixital.

No AQUARIUM FINISTERRAE, como xa vos comentamos, temos a recente incorporación de lampreas ao tanque cilíndrico, na sala Maremagnum. Cara a mediados desta semana Santa as lampreas recibirán a compañía dunha pequena poboación de esturións.

O Aquarium inclúe ademais nas súas actividades diarias a alimentación das focas, que comen todos os días ás 11.30 e 17 horas, momento no que se convoca ao público e ofréceselle unha charla divulgativa sobre estes animais; tamén, luns, mércores e venres, ás 12 da mañá, pódese ver como se lles dá para comer ás quenllas da piscina do Nautilus.

E con todo isto, e todo o que se vos ocorra, moi bos días de minivacacións!

Á volta contádenos todo o que fixestes!

Anuncios

Noraboa CCIs!

Benvida e noraboa ós primeiros CCIs do ano!

Despois de ler as vosas preguntas só me queda dicirvos que o listón deste ano comeza alto! Nótase que tedes curiosidade e ganas de investigar, e iso é o que buscamos no CCI e nas Bibliotecas!

Aproveito para presentarvos o «Punto científico» que promove a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGCCCT) na Domus este venres 22 de febreiro; dirixido ao público xeral, de balde até completar aforo.

Alí poderedes atopar, entre outras cousas, dende as 16.30:

– Cinema 3D

– Sesión de charlas, vídeos, música e teatro de ciencia para toda a familia.

Espero que vos sirva de complemento ó CCI, o disfrutes en familia e, sobre todo, sobre todo, chegue ás vosas neuronas espertas!!!

Punto Científico na Domus - 22 de feb. de 2013 na Coruña

Cine en 3D na Domus

“O último arrecife” é unha película en 3D que convida a mergullarse nos iridiscentes arrecifes tropicais, para coñecer a beleza e relevancia de todos os seus habitantes. Son ecosistemas ameazados, ante os que se expón unha reflexión sobre o noso papel na súa protección e conservación.

Adoitamos pensar nos arrecifes como lugares exóticos e afastados con pouca ou ningunha conexión coa nosa vida cotiá. Nesta película preséntanse como cidades baixo o mar cheas de vida, cunha existencia paralela á nosa, distante pero indiscutiblemente conectada.

Os arrecifes son puntos quentes de biodiversidade, tan vitais para a vida na Terra como os bosques tropicais. Durante millóns de anos estiveron modelando nosas costas, formando illas e montañas. Os rexistros fósiles mostran que, nun pasado, puideron rexurdir tras un dos maiores episodios de extinción masiva de especies.

A película, que realiza paralelismos entre a vida no arrecife e nas cidades, foi gravada en diversas localizacións, desde as illas de Palau en Oceanía, a Bahamas, Nova York, Londres, Miami ou a Polinesia Francesa.

A partir do venres 21 de decembro proxectarase na Domus co seguinte horario:
Venres 21 de decembro ás 18 horas
Do 22 ao 31 de decembro, de luns a domingo, ás 12, 13, 17 e 18 horas
Do 2 ao 4 de xaneiro ás 12, 13 e 17 horas
A partir do 5 de xaneiro, de luns a venres ás 17 horas. Sábados, domingos e festivos, ás 12, 13, 17 e 18 horas.

Exploradomus Navideño

ExploraDomus é un obradoiro de actividades na Domus pensado para nenos e nenas de 6 a 10 anos. En Nadal celébrase unha edición especial na que a proposta é ver a película en 3D “O último arrecife” e realizar experiencias relacionadas co cinema en tres dimensións. Celebraranse sesións ás 11:45 e 16:45 horas os seguintes días: 26, 27, 28 e 31 de decembro, 2, 3 e 4 de xaneiro.

Para participar hai que inscribirse previamente chamando ao teléfono 981 189 840, en horario de 10 a 19 horas de luns a venres; sábados, domingos e festivos de 11 a 19 horas. O prazo de inscrición ábrese hoxe, 10 de decembro.

A tarifa é de 1 euro por participante, e gratis para membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e titulares de Tarxeta 20.