Archivo del sitio

XX Edición do Día da Ciencia na Rúa

Parque de Santa Margarida converteuse un ano máis nun gran laboratorio de probas onde os grandes protagonistas foron os nenos. O parque acolleu 43 carpas cheas de talleres, proxectos tecnolóxicos, xogos divulgativos e experimentos prácticos para celebrar o XX Día da Ciencia na Rúa e difundir o saber entre os cidadáns.

Xunto aos colexios, ás decenas de entidades e empresas que participaron activamente, tamén estiveron presentes as Bibliotecas Municipais da Coruña representadas como non, a través do seu Club de Ciencia e Investigación. Os CCI’s formaron parte moi activa unha vez máis da festa da ciencia, que xa está consolidada no calendario da cidade.

Este ano, como novidade, incorporouse á festa un novo personaxe, a mascota do Día da Ciencia na Rúa, un robot que representa a vertente tecnolóxica da festa, de nome Medusa e que por suposto nos veu visitar.

mascota

Os CCI’s foron os grandes anfitrións, amosaron o stand aos visitantes, os libros sobre a luz e as teconoloxías derivadas da luz que levamos como mostra e que os socios podían levar en préstamo, ademáis de formar parte das reseñas das guías de lectura.

 Durante todo o día os CCI´s non pararon de recibir visitantes na jaima das Bibliotecas Municipais, visitantes aos que explicaban, moi entusiasmados, os experimentos cos que traballabamos durante o ano e que reflexaban aspectos prácticos sobre a teoría da luz tales como a reflexión ou a refracción, o disco de Newton, etc.

Na nosa jaima tamén nos acompañaron membros do Grupo Naturalista Hábitat que colaboraron, un ano máis, durante algunha sesión.

Pero tamén houbo tempo para visitar o resto de jaimas nas que os CCI’s puxeron a proba as súas dotes para desenvolver a súa curiosidade, enxeño e destrezas resolvendo as probas que o resto de participantes no Día da Ciencia na Rúa tiñan preparados.

 Foi sen dúbida un día de moito axetreo, no que fóra das aulas, a ciencia mostrou con entusiasmo a súa faciana máis divertida. Aínda que baixo a apariencia do xogo houbo experimentación en estado puro, respostas a realidades explicables grazas á curiosidade científica. E ver as caras de entusiasmo e satisfación dos CCI’s resulta do máis gratificante para quen nos toca levar a dirección do programa durante o ano. Este feito é un aliciente máis que aporta máis gañas aínda de poñerse a organizar xa a próxima edición.

Este foi só un pequeno resumo do día grande do Club de Ciencia e Investigación das Bibliotecas Municipais, se queredes ver máis fotos visita a nosa galeria en Flickr.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

E aínda que o programa rematou oficialmente por este ano, queremos seguir en contacto con vós a través do blog contándovos noticias interesantes sobre a ciencia e seguro que adiantándovos algunha que outra novidade para o próximo CCI no que esperamos volver contar con vós. Vaia dende aquí o noso agradecemento aos CCI’s polo seu interese, entusiasmo e participación constante.

20 anos non son nada… e son moito!

Cartel do Día da Ciencia na Rúa 2015Como xa adiantabamos fai pouco, este sábado 9 de maio celébrase o XX aniversario do Día da Ciencia na Rúa  (DCR) na Coruña e as Bibliotecas municipais, de novo, levan o seu Clube de Ciencia e Investigación (CCI) para unirse á festa e demostrar que, como din os obxectivos deste gran día:

  • a Ciencia pode sair á rúa
  • que a Ciencia é de todos
  • que pode ser divertida e fácil de entender
  • e que as rapazas e rapaces teñen moito que dicir e mostrar sobre a Ciencia

E os nosos CCIs teñen, efectivamente, moito que dicir, e aínda máis ganas de mostrar todo o que este ano levan investigando sobre a luz, as tecnoloxías e inventos derivados da luz. Para os que queirades que vos sorprendan, acercarán os seus coñecementos e experimentos e, sobre todo, mostraranvos toda a ilusión que levan posta.

Grupo-Naturalista-Hábitat-300x90Como se fai un espectroscopio, e mesmo un periscopio como o dos submarinos, qué pasa ca luz cando atravesa distintos medios, e que sucede cas ilusións ópticas e o noso cerebro tan só son algunhas das cousas que as rapazas e rapaces do CCI descubriranvos ese día (aínda que xa o fumos adiantando noutras  ocasións) xunto coa a axuda dos nosos colaboradores de do Grupo Naturalista Hábitat.

O DCR celebrarase nun horario ininterrumpido entre as 11 da mañá e as 7 da tarde no Parque de Santa Margarita (e a súa Casa das Ciencias) onde se ubicará o núcleo fundamental das actividades, cun total de 43 jaimas que centros educativos da contorna e outras institucións encherán de experiencias e entretemento. Ao longo da xornada haberá multitude de actividades, obradoiros, exposicións e xogos, que podedes consultar no programa completo.

Logo dos Museos Científicos CoruñesesMuseos científicos coruñeses

Os Museos Científicos Coruñeses únense tamén a esta celebración abrindo as súas portas ao público gratuitamente, de 11 a 19 horas.

  • A Casa das Ciencias ofrecerá, entre outras actividades, unha maratón de sesións de planetario. Os pases serán ás 11, 12, 13, 16, 17 e 18 horas (para asistir hai que retirar as invitacións que se repartirán na recepción media hora antes do seu comezo).
  • Na Domus haberá pases gratuítos de cine 3D, ca película “Titanes da idade de xeo”, ás 12, 13, 17 e 18 horas. Celebrarase tamén o obradoiro “Crea o teu garabateador”, para inventar artiluxios a motor que debuxen os garabatos más inesperados (actividade, de aforo limitado, que se desenvolverá en 2 sesións de 11 a 14h., e de 16 a 19 h.)
  • E o Aquarium ofrece a ocasión de coñecer a nova exposición “Perseguiendo a Mr.Goodfish”, un percorrido en fotografías do proceso que segue o peixe dende o mar ata o noso plato. E, coma sempre, será unha oportunidade para acompañar ás focas das piscinas exteriores nas súas comidas diarias, ás 12 e ás 17 horas.

logo_muncytO MUNCYT pola súa parte aproveitará para celebrar ao mesmo tempo o 40º aniversario do vídeo Betamax e ofrecerá obradoiros de cine na súa carpa ao longo de todo o día.

Xa vedes, todo un día adicado ás Ciencias no que o CCI das Bibliotecas Municipais esperámosvos para disfrutar con todos vós o remate do programa por este ano.

Vémonos!!!

Resumo da XIX edición do Día da Ciencia na Rúa

O Parque de Santa Margarida converteuse un ano máis nun gran laboratorio de probas onde os grandes protagonistas foron os nenos. Fóra das aulas, a ciencia mostrou con entusiasmo a súa faciana máis divertida. Pero baixo a apariencia do xogo houbo experimentación en estado puro, respostas a realidades explicables grazas á curiosidade científica.

Foi a decimonovena edición do Día da Ciencia na Rúa onde 40 centros educativos e entidades tiveron o seu propio posto nesta edición, o maior número ata o momento. E entre eles as Bibliotecas Municipais da Coruña que estiveron representadas como non a través do seu Club de Ciencia e Investigación.

No DCR os CCI´s tomaron o protagonismo e foron o eixo e centro das actividades que se desenrolaron. Amosaron o stand aos visitantes, os libros sobre natureza e aves que levamos como mostra e que os socios podian levar en préstamo, explicaron o proceso de anelamento das aves mediante o xogo “Non perdas os aneis” e déronlle un toque poético á jaima co “Laboratorio xerador de Haikus”.

Durante todo o día os CCI´s non pararon de recibir visitantes na jaima das Bibliotecas Municipais onde unha das cousas que máis gustou foi a “Guía de lectura” elaborada co material bibliográfico co que traballamos ao longo destes 4 meses no Club de Ciencia e Investigación e que este ano 2013-2014 estaba centrado na temática do naturalismo e máis concretamente nas aves.

Pero tamén houbo tempo para visitar o resto de jaimas. Un xardín botánico, ensinar a muxir unha vaca, ou a pescar unha moeda na auga sen mollarse foron algunhas das alternativas que máis chamaron a atención dos rapaces e rapazas do CCI, que tamén quixeron saber como funciona un submarino ou os circuítos electromagnéticos.

Outro feito destacable é que na jaima estivemos acompañados polos que foron os nosos compañeiros de aventuras este CCI 2013-2014, os membros do Grupo Naturalista Hábitat que trouxeron todo tipo de material, unha chea de documentos (libros, revistas, folletos, carteis), artiluxios que empregan nas súas saídas de campo e pequenos tesouros como ovos de paxaro, plumas, esqueletes e osos de animais que chamaron a atención dos visitantes máis curiosos.

 Sen dúbida foi un día de moito axetreo, unha chea de xente visitando a nosa jaima, entrevistas para a radio, a visita do alcalde, pero vendo as caras de satisfación dos CCI’s dan gañas de poñerse a organizar xa a próxima edición porque son este tipo de actividades ás que fan que os nenos e nenas se impliquen e estean motivados.

Este foi só un pequeno resumo do día grande do Club de Ciencia e Investigación das Bibliotecas Municipais, se queredes ver máis fotos visita a nosa galeria en Flickr

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

10 de maio: XIX Edición do Día da Ciencia na Rúa

Xa non queda nada, estamos en vésperas da tan esperada cita para os membros do Club de Ciencia e Investigación (CCI) das Bibliotecas Municipais, o Día da Ciencia na Rúa (DCR) que coma tódolos anos dende o 1996 se ven celebrando o primeiro sábado do mes de maio no Parque de Santa Margarita por iniciativa da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

Día da Ciencia na Rúa 2014

Cartel do Día da Ciencia na Rúa 2014

 No DCR os CCI´s toman o protagonismo e serán o eixo e centro das actividades que se desenrolen. Serán os que amosen o stand aos visitantes, os que saian nos videos promocionais da actividade, os que mostren os libros científicos que van estar no stand… e os que poñan en práctica todo o aprendido ao longo destes catro meses de CCI nos que, baixo o lema aCCIón ambiental, nos adentramos na temática naturalista e máis en concreto no mundo das aves.

 Nas sesións previas os CCI´s estiveron ultimando os detalles e poñendo todo a punto para que no DCR saia todo a pedir de boca.

Unha das sorpresas que temos preparada é un Laboratorio xerador de Haikus posto que teñen moita relación co tema tratado este ano no CCI, o naturalismo. Os haikus son composicións poéticas de orixe xaponesa que constan de tres versos, de 5, 7 e 5 sílabas, sen rima e a temática busca sempre describir os fenómenos naturais, o cambio das estacións, ou a vida cotiá da xente.

 

Co “Xogo dos pares” os CCI´s demostrarán que reúnen todas as cualidades para ser un bo naturalista.  E co xogo “Non perdas os aneis” explicarán e poñerán a proba aos asistentes no coñecemento do proceso de anelar aves, unha das saídas que se o tempo nolo permite poñerá o broche final a este CCI 2014.

E un dos platos fortes serán sen dúbida os roteiros que faremos polo Parque de Santa Margarita guiados polos nosos compañeiros e colaboradores deste ano no CCI, os membros do Grupo Naturalista Hábitat, onde os CCI’s facendo uso das súas capacidades observadoras irán sacando fotos coas que realizaremos un concurso final.

Lembrade que tanto os roteiros coma o resto de actividades están abertas a todo o público que queira participar. A cita, mañá sábado 10 de maio no Parque de Santa Margarita. Agardámosvos!

XIX Día da Ciencia na Rúa

Este sábado 10 de maio os membros do Club de Ciencia e Investigación (CCI) das Bibliotecas Municipais saímos á rúa para sermos partícipes do Día da Ciencia na Rúa. Aproveitaremos a ocasión para poñer en práctica, amosar e difundir todo o visto durante estes catro meses de CCI nos que, baixo o lema aCCIón ambiental,  nos adentramos na temática naturista e mais concreto no mundo das aves.

Día da Ciencia na Rúa 2014

Cartel do Día da Ciencia na Rúa 2014

Ademais de aprender unha chea de cousas ben interesantes sobre as aves, divertirémonos cos xogos que temos preparados:

  • Xerador de haikus
  • O xogo dos pares
  • Non perdas os aneis

Haberá tamén roteiros polo Parque de Santa Margarita, guiados por membros do Grupo Naturalista Hábitat, que este ano colaboraron con nós no CCI. Os roteiros estarán abertos a todo o público que queira sumarse e os CCI’s irán sacando fotos de natureza durante o roteiro, que entrarán en concurso.

Polo de pronto non vos imos desvelar nada mais… acercádevos este sábado á nosa jaima no Parque de Santa Margarita (Casa das Ciencias) e descubrídeo!! Agardámosvos!!

Pasou o día…

… e pasou a romaría!

Sabes que pasaría se lanzas ao aire, a -41ºC, unha pota chea de auga fervida?

Un momento na jaima

Un momento na jaima

Aínda que durante o Día da ciencia na rúa fixo un sol espléndido, o noso trivial tivo practicamente o mesmo efecto na xente que visitou a jaima das Bibliotecas Municipais (cando non acertaban as respostas, claro. Porque se as acertaban todo eran risas).

Todas as preguntas que formulamos foron extraídas de algún dos materiais que temos nas bibliotecas e que formaron parte da mostra do CCI deste ano, así que se non sabes algunha non dubides en pasarte por algunha das nosas sucursais.

Outra das cousas que mostramos na jaima foron dous vídeos resumo das actividades: un específico do CCI e outro de todas as demais (bebeteca, merendas con contos, voluntariado, etc)

Aínda que acabamos de pechar un ciclo no DCR, haberá algunha sorpresiña antes da seguinte tempada. Estade atentos!

Este sábado, os CCI´s á rúa

Cooooorectooo!

Cooooorectooo!

O próximo sábado 04 de maio os membros do Club de ciencia e investigación estaremos no Día da ciencia na rúa no Parque Santa Margarita expoñendo algo que, estamos seguros, vai levantar suspicacias: o trivial do CCI!!

Elaboramos unha batería de preguntas que extraímos dos materiais desta guía e plasmámolas todas nun panel que mostraremos o sábado para comprobar canto sabedes sobre a temática á que adicamos este ano o noso club: a AUGA.

Ven á nosa jaima de 11 a 14 horas pola mañá  e de 16 a 19 horas pola tarde e demóstranos canto sabes! E se non o sabes non te preocupes, dirémosche a onde te podes dirixir para sabelo!