Archivos Mensuales: mayo 2014

5 de xuño Día Mundial do Medio Ambiente

diamedio_ambiente-300x267Día mundial do Medio Ambiente celébrase cada 5 de xuño desde 1972. Este día foi establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na Resolución 2994 (XXVII) do 15 de decembro de 1972, coa que se iniciou a Conferencia de Estocolmo co Medio Humano coma tema principal. Ese mesmo día, a Asemblea Xeral da ONU aprobou a creación do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA).

Co Día Mundial do Medio Ambiente, a Organización de Nacións Unidas procura sensibilizar a opinión mundial en relación a temas ambientais.

O Día mundial do Medio Ambiente é un evento no que se realizan múltiples actividades: concentracións en rúas, concertos ecolóxicos, ensaios e competencias en escolas, plantacións de árbores, campañas de reciclaxe e de limpeza, entre outras. En moitos países esta celebración é unha oportunidade de asinar ou ratificar convenios internacionais e, algunhas veces, establecer estruturas gobernamentais permanentes relacionadas co manexo ambiental e a planificación económica.

Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) organiza, para conmemorar este día tan relevante, en colaboración con Gadis unha Xornada de Voluntariado nunha das zonas máis relevantes do Concello de Oleiros, a Costa de Dexo.

 

Os voluntarios poderán contribuir á preservación do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes eliminando unha das plantas invasoras máis frecuente nesta zona, o Carpobrotus Edulis (uña de gato).

A xornada está dirixida a todo tipo de público en horario de 16 a 20 h.

Como requisito só tes que facer a inscrición na páxina do CEIDA.

 Xa o sabes, anótate e aporta así o teu gran de area na conservación do medio ambiente!

Anuncios

III Xornadas de Iniciación á Ornitoloxía

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) organizan, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, as III Xornadas de Iniciación á Ornitoloxía.

As xornadas, de carácter divulgativo e orientadas ao público en xeral interesado en iniciarse no mundo da ornitoloxía terán lugar o venres 30 e o sábado 31 de maio no Castelo de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña). Farase especial fincapé nas aves mariñas da Comarca das Mariñas, que se atopa dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Xornada ornitoloxia

O programa para o venres 30 de maio é o seguinte:

  • 16.00 Código de boas prácticas do perfecto ornitólogo, da man de Sergio París Gómez – técnico ambiental na SGO.
  • 16.30 Aproximación ao anelamento como ferramenta científica, da man de Alberto Monteagudo – biólogo na SGO.
  • 17.30 Descanso
  • 18.00 As aves nas Mariñas. Onde ver aves en:

              – Oleiros e Sada, da man de Sergio París GómezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – Arteixo, da man de Xabi VarelaSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – A Coruña, da man de Óscar VázquezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – A Ría de Betanzos, da man de Santi VázquezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

Para o sábado 31 de maio está prevista unha saída polo encoro de Cecebre e unha sesión de anelamento do Programa Passer, da man do Grupo de Anelamento Píllara.

As prazas para as xornadas son limitadas e requírese previa inscrición. Ten un custo de 10 €.

Para máis información poñerse en contacto co CEIDA: correo electrónico formacion@ceida.org e teléfono 981 630 618.

Resumo da XIX edición do Día da Ciencia na Rúa

O Parque de Santa Margarida converteuse un ano máis nun gran laboratorio de probas onde os grandes protagonistas foron os nenos. Fóra das aulas, a ciencia mostrou con entusiasmo a súa faciana máis divertida. Pero baixo a apariencia do xogo houbo experimentación en estado puro, respostas a realidades explicables grazas á curiosidade científica.

Foi a decimonovena edición do Día da Ciencia na Rúa onde 40 centros educativos e entidades tiveron o seu propio posto nesta edición, o maior número ata o momento. E entre eles as Bibliotecas Municipais da Coruña que estiveron representadas como non a través do seu Club de Ciencia e Investigación.

No DCR os CCI´s tomaron o protagonismo e foron o eixo e centro das actividades que se desenrolaron. Amosaron o stand aos visitantes, os libros sobre natureza e aves que levamos como mostra e que os socios podian levar en préstamo, explicaron o proceso de anelamento das aves mediante o xogo “Non perdas os aneis” e déronlle un toque poético á jaima co “Laboratorio xerador de Haikus”.

Durante todo o día os CCI´s non pararon de recibir visitantes na jaima das Bibliotecas Municipais onde unha das cousas que máis gustou foi a “Guía de lectura” elaborada co material bibliográfico co que traballamos ao longo destes 4 meses no Club de Ciencia e Investigación e que este ano 2013-2014 estaba centrado na temática do naturalismo e máis concretamente nas aves.

Pero tamén houbo tempo para visitar o resto de jaimas. Un xardín botánico, ensinar a muxir unha vaca, ou a pescar unha moeda na auga sen mollarse foron algunhas das alternativas que máis chamaron a atención dos rapaces e rapazas do CCI, que tamén quixeron saber como funciona un submarino ou os circuítos electromagnéticos.

Outro feito destacable é que na jaima estivemos acompañados polos que foron os nosos compañeiros de aventuras este CCI 2013-2014, os membros do Grupo Naturalista Hábitat que trouxeron todo tipo de material, unha chea de documentos (libros, revistas, folletos, carteis), artiluxios que empregan nas súas saídas de campo e pequenos tesouros como ovos de paxaro, plumas, esqueletes e osos de animais que chamaron a atención dos visitantes máis curiosos.

 Sen dúbida foi un día de moito axetreo, unha chea de xente visitando a nosa jaima, entrevistas para a radio, a visita do alcalde, pero vendo as caras de satisfación dos CCI’s dan gañas de poñerse a organizar xa a próxima edición porque son este tipo de actividades ás que fan que os nenos e nenas se impliquen e estean motivados.

Este foi só un pequeno resumo do día grande do Club de Ciencia e Investigación das Bibliotecas Municipais, se queredes ver máis fotos visita a nosa galeria en Flickr

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

10 de maio: XIX Edición do Día da Ciencia na Rúa

Xa non queda nada, estamos en vésperas da tan esperada cita para os membros do Club de Ciencia e Investigación (CCI) das Bibliotecas Municipais, o Día da Ciencia na Rúa (DCR) que coma tódolos anos dende o 1996 se ven celebrando o primeiro sábado do mes de maio no Parque de Santa Margarita por iniciativa da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

Día da Ciencia na Rúa 2014

Cartel do Día da Ciencia na Rúa 2014

 No DCR os CCI´s toman o protagonismo e serán o eixo e centro das actividades que se desenrolen. Serán os que amosen o stand aos visitantes, os que saian nos videos promocionais da actividade, os que mostren os libros científicos que van estar no stand… e os que poñan en práctica todo o aprendido ao longo destes catro meses de CCI nos que, baixo o lema aCCIón ambiental, nos adentramos na temática naturalista e máis en concreto no mundo das aves.

 Nas sesións previas os CCI´s estiveron ultimando os detalles e poñendo todo a punto para que no DCR saia todo a pedir de boca.

Unha das sorpresas que temos preparada é un Laboratorio xerador de Haikus posto que teñen moita relación co tema tratado este ano no CCI, o naturalismo. Os haikus son composicións poéticas de orixe xaponesa que constan de tres versos, de 5, 7 e 5 sílabas, sen rima e a temática busca sempre describir os fenómenos naturais, o cambio das estacións, ou a vida cotiá da xente.

 

Co “Xogo dos pares” os CCI´s demostrarán que reúnen todas as cualidades para ser un bo naturalista.  E co xogo “Non perdas os aneis” explicarán e poñerán a proba aos asistentes no coñecemento do proceso de anelar aves, unha das saídas que se o tempo nolo permite poñerá o broche final a este CCI 2014.

E un dos platos fortes serán sen dúbida os roteiros que faremos polo Parque de Santa Margarita guiados polos nosos compañeiros e colaboradores deste ano no CCI, os membros do Grupo Naturalista Hábitat, onde os CCI’s facendo uso das súas capacidades observadoras irán sacando fotos coas que realizaremos un concurso final.

Lembrade que tanto os roteiros coma o resto de actividades están abertas a todo o público que queira participar. A cita, mañá sábado 10 de maio no Parque de Santa Margarita. Agardámosvos!

XIX Día da Ciencia na Rúa

Este sábado 10 de maio os membros do Club de Ciencia e Investigación (CCI) das Bibliotecas Municipais saímos á rúa para sermos partícipes do Día da Ciencia na Rúa. Aproveitaremos a ocasión para poñer en práctica, amosar e difundir todo o visto durante estes catro meses de CCI nos que, baixo o lema aCCIón ambiental,  nos adentramos na temática naturista e mais concreto no mundo das aves.

Día da Ciencia na Rúa 2014

Cartel do Día da Ciencia na Rúa 2014

Ademais de aprender unha chea de cousas ben interesantes sobre as aves, divertirémonos cos xogos que temos preparados:

  • Xerador de haikus
  • O xogo dos pares
  • Non perdas os aneis

Haberá tamén roteiros polo Parque de Santa Margarita, guiados por membros do Grupo Naturalista Hábitat, que este ano colaboraron con nós no CCI. Os roteiros estarán abertos a todo o público que queira sumarse e os CCI’s irán sacando fotos de natureza durante o roteiro, que entrarán en concurso.

Polo de pronto non vos imos desvelar nada mais… acercádevos este sábado á nosa jaima no Parque de Santa Margarita (Casa das Ciencias) e descubrídeo!! Agardámosvos!!