Archivo del Autor: nmartinezrey

Orgullo no reino animal

O 28 de xuño é o Día Internacional do Orgullo LGTB e, como cada ano, dende as Bibliotecas Municipais da Coruña organizamos toda unha programación arredor desta temática para contribuír a dar maior visibilidade e apoiar á comunidade LGTB na súa loita polo respecto.

As Municipais Entenden

Cartel da campaña LGTB 2014 “As Municipais Entenden”. Podedes seguir a campaña en redes sociais e participar co hastagh #LeConOrgullo

E dende o blog do Club de Ciencia e Investigación non se nos ocorre mellor tema para reivindicar a diversidade na natureza que o orgullo no reino animal.

Animal homosexuality

E foi o biólogo, lingüista e escritor canadense Bruce Bagemihl o primeiro en realizar unha exhaustiva análise da homosexualidade animal na súa obra Biological Exuberance: Animal Homosexuality and Natural Diversity, publicada no ano 1999.

No seu libro, Bagemihl documenta científicamente a homosexualidade en mais de 450 especies de mamíferos, aves, réptiles, insectos e outros moitos animais de todo o mundo. E afirma que o comportamento homosexual e bisexual entre animais é normal e habitual na natureza.

Con abundantes ilustracións, datos fascinantes e descricións asombrosas da conduta animal, Biological Exhuberance é un referente que cambiará para sempre o modo en que observamos a natureza.

Against natureE precisamente, a primeira exposición internacional que aborda o tema da homosexualidade nos animais toma como base, entre outros, o traballo de Bagemihl. Trátase de Against Nature?: an exhibition on animal homosexuality, organizada polo Museo de Historia Natural da Universidade de Oslo (Noruega).

Activa dende o mes de outubro de 2006 ata agosto de 2007, a exposición amosa -a través de fotografías e textos- unha pequena selección das mais de 1.500 especies nas que se observou comportamentos homosexuais. O Museo de Historia Natural de Oslo buscou con esta exposición axudar a desmitificar a homosexualidade humana e rexeitar o argumento -por desgraza estendido nalgúns sectores- de que a homosexualidade é un crime contra natura.

Algunhas das imaxes que ilustraron a exposición Against Nature?:

Exemplos homosexualidade reino animal

Dúas baleas femia, dúas xirafas macho e dous bonobos femia.

En ocasións penso que moito temos que aprender todavía da natureza. A fin de contas…

Non latexan os corazóns de todas as persoas do mesmo xeito?

Non experimentamos todos os seres humanos as mesmas emocións?

Non somos todos igual de semellantes e igual de diferentes a un tempo?

#Recomendamosbmc consultar a wiki temática As Municipais Entenden e a guía de lectura #LeConOrgullo 2014

 

Anuncios

aCCIón conxunta I

Este sábado 14 de xuño, os e as CCI’s ao completo saímos ao campo a gozar dunha xornada de anelamento científico e observación de aves. Foi unha saída moi esperada, que tivemos que aprazar en varias ocasións polo mal tempo, pero a espera… mereceu a pena!!! 

A actividade desenvolveuse no contorno natural do encoro de Cecebre, mais concretamente, no Observatorio Ornitolóxico de Crendes, situado a carón da lámina de auga do encoro.

Estacion ornitoloxica de Crendes

Ao chegar, Berto e David -membros do Grupo Naturalista Hábitat e expertos aneladores- explicáronnos en que consiste iso do anelamento de aves, para que se fai e como. Os e as CCI’s prestaron especial atención á información que nos deron sobre o anelamento, apoiados por diversas guías de aves, e puidemos averiguar que:

O anelamento é un método de estudo das poblacións de aves que consiste na individualización destas mediante a colocación dun anel metálico na pata. Isto permítenos estudar os movementos e migracións das aves, taxa de mortalidade ou supervivencia, así como tamén o sexo e idade das aves aneladas.

Chega de explicacion

Unha vez feitas as explicacións sobre o anelamento científico de aves, dividímonos en dous grupos para visitar as redes de recollida de aves -previamente colocadas polos aneladores, así como tamén a mesa de traballo. Observamos como se recollen as aves que caeron nas redes e o coidado e habilidade que debe ter o persoal anelador neste momento. Os rapaces e rapazas estiveron moi atentos e amosaron especial ilusión por poder levar ás aves da zona das redes á mesa de traballo.

Recollida de paxaros nas aes

A continuación puidemos observar todo o proceso na mesa de traballo: como se pesan as aves, como identificar o sexo ou idade, como se recollen estos datos por escrito e como se coloca o anel. Despois procedemos a liberar as aves, os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de sentir o paxaro na man e abrila para deixar que emprenda o voo libremente. Unha experiencia marabillosa!!

Anelamento cientifico de aves

O día acompañou e tivemos a inmensa sorte de ver unha gran diversidade de aves:

Diferentes aves

Os e as CCI’s amosaron un gran interese durante toda a xornada e foron anotando nos seus cadernos de campo aqueles detalles que mais lles chamaron a atención.

Cadernos de campo

Rematada a actividade de anelamento e recollidas as redes, os rapaces e rapazas desfrutaron da observación de diversas aves a través de medios ópticos como prismáticos ou telescopios.

Observacion de aves

Unha xornada moi gratificante na que, ademais de ver o proceso de anelamento científico de aves, desfrutamos do campo e da riqueza en biodiversidade presente no encoro de Cecebre. Dende aquí, o noso agradecemento aos membros do Grupo Naturalista Hábitat que nos acompañaron e guiaron durante toda a xornada!

GNH

Membros do Grupo Naturalista Hábitat

Foto de grupo

Foto do grupo á chegada a Forum

Xornada de anelamento científico e observación de aves

Despois de varios meses agardando polo bo tempo para poder realizar a tan ansiada saída de campo, por fin a choiva e o mal tempo nos dan tregua e este sábado 14 de xuño gozaremos dunha xornada de anelamento científico e observación de aves da man do Grupo Naturalista Hábitat.

A actividade terá lugar no contorno natural do encoro de Cecebre, concretamente no Observatorio Ornitolóxico de Crendes, situado a carón da lámina de auga do encoro. Durante a xornada poderemos:

— Aprender toda a metodoloxía do anelamento científico: para que se fai, por que e como, así como tamén a súa aplicación e vantaxe no estudo e conservación da avifauna.

— Visitar as redes de recollida de aves.

— Fotografar as aves dende unha perspectiva única.

— Observar, coñecer e distinguir as aves presentes no encoro grazas á utilización de diverso material óptico.

Saida CCI 3Saida CCI 2 Saídas CCI

E que precisamos para saír ao campo?

Calzado axeitado, roupa cómoda e protección solar

Auga e algo de refrixerio (bocadillo, galletas, froita…  o que a cada un lle apeteza)

Caderno de campo ou libreta para anotar o que nos chame a atención na saída. Moi importante!

Cámara de fotos sempre que se poida. Tamén vale a cámara do móvil

Prismáticos e lupa, no caso de ter na casa. Non fai falla mercarlos!

Non podemos olvidar tamén a importancia de comportarse dun xeito responsable nas saídas de campo, para iso recomendamos a lectura do Código ético para os observadores de aves, elaborado pola Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife). E dito isto, tan so nos queda prepararnos para gozar da saída! Vémonos o sábado CCI’s!!

III Xornadas de Iniciación á Ornitoloxía

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) organizan, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, as III Xornadas de Iniciación á Ornitoloxía.

As xornadas, de carácter divulgativo e orientadas ao público en xeral interesado en iniciarse no mundo da ornitoloxía terán lugar o venres 30 e o sábado 31 de maio no Castelo de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña). Farase especial fincapé nas aves mariñas da Comarca das Mariñas, que se atopa dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Xornada ornitoloxia

O programa para o venres 30 de maio é o seguinte:

  • 16.00 Código de boas prácticas do perfecto ornitólogo, da man de Sergio París Gómez – técnico ambiental na SGO.
  • 16.30 Aproximación ao anelamento como ferramenta científica, da man de Alberto Monteagudo – biólogo na SGO.
  • 17.30 Descanso
  • 18.00 As aves nas Mariñas. Onde ver aves en:

              – Oleiros e Sada, da man de Sergio París GómezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – Arteixo, da man de Xabi VarelaSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – A Coruña, da man de Óscar VázquezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – A Ría de Betanzos, da man de Santi VázquezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

Para o sábado 31 de maio está prevista unha saída polo encoro de Cecebre e unha sesión de anelamento do Programa Passer, da man do Grupo de Anelamento Píllara.

As prazas para as xornadas son limitadas e requírese previa inscrición. Ten un custo de 10 €.

Para máis información poñerse en contacto co CEIDA: correo electrónico formacion@ceida.org e teléfono 981 630 618.

XIX Día da Ciencia na Rúa

Este sábado 10 de maio os membros do Club de Ciencia e Investigación (CCI) das Bibliotecas Municipais saímos á rúa para sermos partícipes do Día da Ciencia na Rúa. Aproveitaremos a ocasión para poñer en práctica, amosar e difundir todo o visto durante estes catro meses de CCI nos que, baixo o lema aCCIón ambiental,  nos adentramos na temática naturista e mais concreto no mundo das aves.

Día da Ciencia na Rúa 2014

Cartel do Día da Ciencia na Rúa 2014

Ademais de aprender unha chea de cousas ben interesantes sobre as aves, divertirémonos cos xogos que temos preparados:

  • Xerador de haikus
  • O xogo dos pares
  • Non perdas os aneis

Haberá tamén roteiros polo Parque de Santa Margarita, guiados por membros do Grupo Naturalista Hábitat, que este ano colaboraron con nós no CCI. Os roteiros estarán abertos a todo o público que queira sumarse e os CCI’s irán sacando fotos de natureza durante o roteiro, que entrarán en concurso.

Polo de pronto non vos imos desvelar nada mais… acercádevos este sábado á nosa jaima no Parque de Santa Margarita (Casa das Ciencias) e descubrídeo!! Agardámosvos!!

A andoriña común, ave do ano 2014

A Sociedade Española de OrnitoloxíaSEO/BirdLife– elixiu hai uns días á andoriña común como ave do ano 2014 para alertar da difícil situación na que se atopa. Factores como os cambios no medio rural e nas políticas e técnicas agrarias inflúen notablemente na poboación de andoriñas, que segundo os datos extraídos do seguemento de aves que realiza a organización, descendeu nun 30% na última década.

Andoriña común

Campaña #AveDelAño 2014, andoriña común. Foto: SEO/BirdLife

A andoriña común -Hirundo rustica linnaeus- é unha ave migratoria da familia dos Hirundínidos. Ten as partes superiores negras azuladas e brancas as inferiores, agás un colar negro e a fronte e gorxa que son rubias. Un peteiro curto e negro, así como tamén o son as súas patas. Aínda que ambos sexos son moi semellantes, as femias posúen unha coloración máis apagada, co ventre un chisco máis claro e a cola máis curta.

Andoriña común

Debuxo dunha andoriña común. Tomado de SEO/BirdLife

A súa área de distribución é moi ampla, dende o Círculo Polar ata México, Sudán, China ou Vietnam. É estival en toda Europa e pasa os invernos en África. En Galicia é estival de febreiro a outubro e común en todo o territorio, sendo a máis abondosa dos hirundínidos.

Pola súa proximidade ao ser humano, forman parte da nosa cultura popular e a súa chegada, considérase anuncio da primavera.

Algún exemplo de refrán relacionado co tempo e coas andoriñas…

Anduriña moi adiantada, primaveira ben temprada

Andoriña que voa a rentes da terra chuvia venta

Andoriña que alta voa, non teme que chova

Se vos apetece seguir indagando sobre as nosas amigas as andoriñas, animámosvos a que consultedes algunha das guías de aves que temos nas Bibliotecas Municipais da Coruña e a que vexades este vídeo tan bonito realizado por SEO/BirdLife.

Mulleres coraxe no eido científico

Dentro da programación especial que as Bibliotecas Municipais da Coruña dedicamos este ano ao Día Internacional da Muller Traballadora, no blog do noso Club de Ciencia e Investigación queremos destacar o papel das mulleres no eido científico.

E precisamente hai un par de días nun post de Eduardo Rolland publicado en GCiencia -o portal da ciencia galega- quedaba patente que a muller segue en minoría nos postos de responsabilidade das universidades galegas. E hai uns meses o xornal The New York Times publicaba un artigo sobre un estudo da Universidade de Yale que pon de manifesto as dificultades que as mulleres se atopan nas carreiras científicas. O artigo está dispoñible en “Why are there still so few women in science?“.

Aínda que se detectan avances importantes, queda moito camiño por percorrer, co que se fai todavía máis necesario render homenaxe a todas aquelas mulleres que ao longo da historia romperon cos moldes que lles impoñía a sociedade na que viviron e que co seu traballo contribuíron ao desenvolvemento científico.

Mulleres coraxe na historia da ciencia podemos destacar moitas, dende as primeiras filósofas e matemáticas da antigüidade ata as científicas que desenvolven na actualidade a súa labor investigadora. Nas nosas bibliotecas podedes atopar, entre outras, obras de carácter xeral que retratan a historia de moitas destas mulleres:

Para adultos

Mulleres científicas

Para rapazas e rapaces

Mulleres cientificas

Tamén podedes atopar no noso catálogo obras específicas sobre a vida e carreira dalgunhas mulleres que adicaron a súa vida á ciencia: Hipatia de Alexandría -considerada a primeira muller matemática da historia-, Marie Curie -Premio Nobel en 1903 no campo da Física e en 1911 no campo da Química-, Rita Levi-Montalcini -Premio Nobel en 1986 no campo da Medicina- ou Dian Fossey -zoóloga recoñecida pola súa labor científica cos gorilas- son algúns exemplos.

Non podemos confiar en construír un mundo mellor sen mellorar aos individuos. Con este propósito cada uno de nós debe traballar o seu propio perfeccionamento, aceptando, na vida xeral da humanidade, a súa parte de responsabilidade, xa que o noso deber particular é o de axudar a aqueles aos que podemos ser útiles.”

(Marie Curie)

Non nos podemos esquecer de facer mención a algunhas das científicas galegas como Ánxeles Alvariño de Leira -primeira muller a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica-, Tarsy Carballas Fernandez -Premio Galicia de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela e Medalla de Ouro Galegas destacadas no 2006-, María Josefa Wonenburger Planells -matemática e alxebrista cunha brillante traxectoria en Estados Unidos, que presta o seu nome ao Premio da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia– ou Inmaculada Paz Andrade -primeira muller en recibir o Premio María Wonenburger. Estos son tan só algúns exemplos de mulleres coraxe galegas na ciencia, no Album de Mulleres do Consello da Cultura Galega podedes atopar moitas máis.

Lembrade que podedes seguir a campaña Mulleres Coraxe nas redes sociais coa etiqueta #mullerescoraxe e podedes consultar a nosa wiki sobre o tema na seguinte dirección: http://mullerescoraxe.wikispaces.com.

Animámosvos a compartir con nós as vosas mulleres coraxe!!

Marcapaxinas Mulleres Coraxe

Charla na Biblioteca Municipal Ágora: Entendes a túa factura da luz?

Este xoves 27 de febreiro, dentro do Ciclo de Conferencias da Biblioteca Verde, terá lugar na Biblioteca Municipal Ágora a charla participativaEntendes a túa factura da luz?: Alternativas na xestión enerxética“.

Da man de Daniel Espiñeira, veciño do Agra e de Labañou e representante en Galicia da cooperativa Som Energia, trataremos as características e estruturas do sector enerxético para comprender mellor a factura da luz, o que podemos facer para reducir o consumo de enerxía e as alternativas reais que existen ao actual modelo enerxético.

Ademais de analizar como funcionar o mercado eléctrico e as medidas para o aforro enerxético, Daniel presentará a experiencia de Som Energia, unha cooperativa que produce e comercializa enerxía verde e que ten como obxectivo reunir a milleiros de persoas co desexo de cambiar o modelo enerxético actual e de traballar para alcanzar un modelo 100% renovable.

Charla sobre alternativas na xestión enerxética

Lembrade que nas Bibliotecas Municipais da Coruña xa podedes atopar o recuncho BIBLIOTECA VERDE, un espazo para informarse, reflexionar e compartir. Neste rincón poderedes consultar e levar en préstamo materiais relacionados co desenvolvemento sostible.

E estade atentos ao calendario de charlas dentro do ciclo Biblioteca Verde!

Polo de pronto, agardámosvos o 27 de febreiro ás 19.00 na sala de adultos da Biblioteca Municipal Ágora.

Presentación do libro “Cuándo ver aves en Galicia”

O próximo venres 14 de febreiro ás 20.30 terá lugar a presentación da obra “Cuándo ver aves en Galicia: propuestas mes a mes para familias, aficionados y expertos“, no local do Grupo Naturalista Hábitat.

Esta guía práctica elaborada por Antonio Sandoval e Damián Romay, e editada por Tundra a finais de 2013, recolle un gran número de destinos e propostas de actividades para a observación de aves en Galicia en función da época do ano.

Cuando ver aves en Galicia

É o libro ideal para observadores de aves e amantes da natureza en xeral, así como tamén para educadores/as e axentes sociais e turísticos, que atoparán información moi útil para a organización de actividades e excursións relacionadas coas aves. Ademáis da proposta de actividades, a guía inclúe: unha ampla lista de recursos sobre aves e ornitoloxía galega, unha lista actualizada das aves de Galicia e unha lista de máis de 290 localidades citadas na obra coas súas coordenadas.

Se vos apetece descubrir máis detalles sobre a obra e os seus autores, non vos podedes perder a presentación que farán Antonio e Damián!!

O aforo é limitado, así que se estades interesados/as é preciso confirmar asistencia mediante un correo electrónico ao Grupo Naturalista Hábitat: gnhabitat@yahoo.es.

E lembrade que este libro e outros moitos sobre aves e natureza, podédelos atopar para levar en préstamo nos CCI-lotes das Bibliotecas Municipais da Coruña!!

Coñecedes os CCI-lotes?!

Unha vez inaugurado o CCI deste ano como se merece, e debidamente reseñado no post anterior aCCIonando mentes, querémosvos presentar unha novidade deste ano: os CCI-lotes!! Aínda que na Biblioteca do Forum é algo que viñan facendo en anos anteriores do CCI, neste 2014 sumámonos á iniciativa as bibliotecas Infantil e Xuvenil e de Ágora. O que si é unha super novidade nas tres bibios son as mochilas tan chulas dos CCI-lotes!!

Os e as CCI’s que puidéchedes vir á primeira sesión xa tivestes ocasión de ver en que consisten os lotes de préstamo do CCI, pero para aqueles rapaces e rapazas que non puideron asistir e para o resto de persoas amantes da natureza e do medio ambiente con ganas de levar en préstamo os CCI-lotes imos explicar brevemente que é iso dos lotes:

3 x 1: tres documentos que contan coma un só préstamo.

A biblio nunha mochila: materiais relacionados coa  natureza, medio ambiente, naturalismo e máis en concreto… aves, que é o tema que nos ocupa este ano no CCI. En cada lote intentamos abarcar a variedade de materiais na biblioteca (audiovisuais, libros de ficción, materias) e a amplitude dos temas relacionados co naturalismo.

Duración do préstamo: 15 días, renovables por outros 15. En total 30 días!

E vos estaredes a preguntar, quen pode levar en préstamo os CCI-lotes? Calquera usuario ou usuaria das Bibliotecas Municipais da CoruñaAsí que bulide! Os CCI-lotes agárdanvos!!

CCI lotes en Bib. Infantil

CCI-lotes na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

CCI lotes na Bib. Forum

CCI-lotes na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano

CCI lotes na Bib. Ágora

CCI-lotes na Biblioteca Municipal Ágora