Archivo del sitio

aLUZina: así foi a nosa primeira sesión do CCI 2015

A semana pasada demos comezo de xeito oficial ao CCI 2015. Realizamos a nosa primeira sesión tanto na Biblioteca Infantil coma na Biblioteca Forum Metropolitano.

ANO INTERNACIONAL LUZ

Como xa adiantabamos nun post anterior, este novo ano 2015, dende as Bibliotecas Municipais queremos sumarnos á Asemblea Anual da Organización das Nacións Unidas (ONU), que proclamou o 2015 como o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz, e adicar o noso Club de Ciencia e Investigación a experimentar todo o que esté nas nosas mans sobre a materia.

Foi unha primeira sesión de presentación e de coñecemento xa que este ano contamos con moitas caras novas entre os membros do noso club, algo que nos alegra enormemente. Fixémoslles entrega das ferramentas fundamentais de todo bo investigador: carnés oficiais de investigadores, os cadernos de notas e os CCI Lotes, algo que para os veteranos xa era coñecido. Que ti ainda non sabes que son? Pois toma boa nota porque de seguro que che interesa:

-Un 3 x 1: tres documentos que contan coma un só préstamo.

A biblio nunha mochila: materiais relacionados coa  luz e as tecnoloxías baseadas na luz, a fotografía, a óptica, os faros, as sombras etc. En cada lote intentamos abarcar a variedade de materiais que temos na biblioteca (audiovisuais, libros de ficción, materias) e aportar novos datos que complementen as sesións e que os CCIs poidan desfrutar tranquilamente nas súas casas de xeito ameno e divertido.

-Duración do préstamo: 15 días, renovables por outros 15. En total 30 días!!

Sen dúbida os CCIs nunca deixan de sorprendernos, comprobamos que saben moito máis da luz do que eles mesmo pensaban. Algo que demostraron no breve repaso xeral de datos importantes relacionados coa Luz, coma por exemplo:

  • o descubrimento da electricidade estática no século II a.C. por Tales de Mileto,
  • a invención do teléfono por Alexander Graham Bell no 1876
  • a pila voltaica por Alessandro Volta no 1791
  • o descubrimento da corrente alterna por Nikola Tesla considerado o promotor máis importante do nacemento da electricidade comercial.

 Aproveitamos a ocasión para ver un adianto das sesións que nos esperan onde abordaremos a Luz dende o seu descubrimento ata ver como inflúe na vida moderna e trataremos de xeito particular o mundo dos faros. Por suposto non nos esquecemos das saídas, un dos grandes reclamos para os pequenos grandes investigadores. Este ano visitaremos o MUNCYT e a Torre de Hércules por dentro!!

A cousa promete, ¿non si? Por iso estade ben atentos e non perdades ollo do que aquí vos imos contar nas vindeiras sesións porque logo da teoria pasaremos a experimentar. Traballaremos a reo para que o noso día grande o Día da Ciencia na Rúa nos quede ben LUZido!!!

Aquí vos deixamos a galería fotográfica completa para que poidades ver como foi toda a sesión. Recordámosche que na Biblioteca Infantil ainda quedan prazas libres, só tes que cubrir o formulario para inscribirte e formar parte do noso club de ciencia das Bibliotecas Municipais.

Non queremos poñelo punto e aparte ata a vindeira sesión sen antes darvos un pequeno consello de investigador:

Abre ben os ollos, ponte mans á obra porque a ciencia comeza XA!!!

Anuncios

É un paxaro,é un avión,é superman…?

Sabedes cal é o animal que voa sen ser ave?

Siiiii, acertáchedes son os esquíos voadores. Estos esquíos poden voar aínda que non teñan ás, máis que voar planean xa que teñen unha ampla membrana de pel que se estende dende os nocellos ata as bonecas, formando unha superficie similar a dun paracaídas.
portada

 

De esquíos voadores e de moitas historias que esconde a natureza fálanos a fermosa novela ilustrada El hombre que abrazaba a los árboles gañadora do XXIV Premio Ala Delta da editorial Edelvives. Un relato que nos narra Felicidade, unha nena que vive nun pequeno pobo chamado Piñares. Felicidade descobre a beleza do campo e a transcendencia das pequenas cousas da vida a través da súa amizade con Marcial, un vello leñador amante dos paxaros, das árbores e, en definitiva, da natureza e de todo aquilo que nos dá se a coidamos e a protexemos.

 

 E por que non comezar abrazando ás árbores como fai Marcial neste fermoso relato? devolvéndolles así con este xesto todo o ben que nos fan. CCI´s, para a próxima saída ao campo ou excursión polo bosque que teñades programada, probade abrazar unha árbore e regalarvos unha boa dose de enerxía.

imagen1

El hombre que abrazaba a los árboles o tes dispoñible nos CCI-lotes das Bibliotecas Municipais do Agora, Infantil e Xuvenil e no Fórum Metropolitano. A QUE ESPERAS? ven correndo e leva o teu en préstamo. E se aínda non estás moi convencido de que algúns esquíos podan voar, observa o seguinte vídeo. É un paxaro, é un avión, é superman….noooon, é un esquío voador!!!

Coñecedes os CCI-lotes?!

Unha vez inaugurado o CCI deste ano como se merece, e debidamente reseñado no post anterior aCCIonando mentes, querémosvos presentar unha novidade deste ano: os CCI-lotes!! Aínda que na Biblioteca do Forum é algo que viñan facendo en anos anteriores do CCI, neste 2014 sumámonos á iniciativa as bibliotecas Infantil e Xuvenil e de Ágora. O que si é unha super novidade nas tres bibios son as mochilas tan chulas dos CCI-lotes!!

Os e as CCI’s que puidéchedes vir á primeira sesión xa tivestes ocasión de ver en que consisten os lotes de préstamo do CCI, pero para aqueles rapaces e rapazas que non puideron asistir e para o resto de persoas amantes da natureza e do medio ambiente con ganas de levar en préstamo os CCI-lotes imos explicar brevemente que é iso dos lotes:

3 x 1: tres documentos que contan coma un só préstamo.

A biblio nunha mochila: materiais relacionados coa  natureza, medio ambiente, naturalismo e máis en concreto… aves, que é o tema que nos ocupa este ano no CCI. En cada lote intentamos abarcar a variedade de materiais na biblioteca (audiovisuais, libros de ficción, materias) e a amplitude dos temas relacionados co naturalismo.

Duración do préstamo: 15 días, renovables por outros 15. En total 30 días!

E vos estaredes a preguntar, quen pode levar en préstamo os CCI-lotes? Calquera usuario ou usuaria das Bibliotecas Municipais da CoruñaAsí que bulide! Os CCI-lotes agárdanvos!!

CCI lotes en Bib. Infantil

CCI-lotes na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

CCI lotes na Bib. Forum

CCI-lotes na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano

CCI lotes na Bib. Ágora

CCI-lotes na Biblioteca Municipal Ágora

aCCIonando mentes

Por fin inauguramos o CCI deste ano! Tras meses sen vernos arrincamos de novo a semana pasada nas bibliotecas de Ágora, Fórum e Infantil e Xuvenil, e abofé que mereceu a pena a espera! Os veteranos e novos aventureiros, ben ilusionados e con moitas ganas de aprender, de investigar e explorar empezaron a quentar motores.

Ricardo e Andrés, os colegas do Grupo Hábitat que nos acompañaron, axudáronnos a facer a nosa primeira inmersión no Naturalismo, en concreto no mundo das aves, xa que é o tema escollido para explorar este ano! Trouxeron ás biblios unha chea de documentos (libros, revistas, folletos, carteis) e artiluxios que, coma eles, tamén empregaremos nas nosas saídas de campo. Se cadra, o máis interesante… eses tesouros que nas súas saídas foron atopando (ovos de paxaro, plumas, esqueletes de animais, ósos…)

E como resulta que a moda e os paxaros non teñen porque estar reñidos, tamén fixemos un pequeño voo polas ferramentas 2.0 que utilizaremos no Clube. Este o noso blog será o cuartel principal, pero como bos investigadores teremos máis bases estratéxicas para informarnos e comunicarnos; Facebook, Twitter, Youtube, e Pinterest son un exemplo delas!

E non queremos rematar sen falar de algo especial que tanto chamou a atención ós CCIs, os CCI-lotes, que tamén queremos compartir con todos os demáis usuarios das bibliotecas. Pero iso, amigos, será algo que vos presentaremos en breve como se merece!