Archivo del sitio
aCCIón conxunta I
Este sábado 14 de xuño, os e as CCI’s ao completo saímos ao campo a gozar dunha xornada de anelamento científico e observación de aves. Foi unha saída moi esperada, que tivemos que aprazar en varias ocasións polo mal tempo, pero a espera… mereceu a pena!!!
A actividade desenvolveuse no contorno natural do encoro de Cecebre, mais concretamente, no Observatorio Ornitolóxico de Crendes, situado a carón da lámina de auga do encoro.
Ao chegar, Berto e David -membros do Grupo Naturalista Hábitat e expertos aneladores- explicáronnos en que consiste iso do anelamento de aves, para que se fai e como. Os e as CCI’s prestaron especial atención á información que nos deron sobre o anelamento, apoiados por diversas guías de aves, e puidemos averiguar que:
O anelamento é un método de estudo das poblacións de aves que consiste na individualización destas mediante a colocación dun anel metálico na pata. Isto permítenos estudar os movementos e migracións das aves, taxa de mortalidade ou supervivencia, así como tamén o sexo e idade das aves aneladas.
Unha vez feitas as explicacións sobre o anelamento científico de aves, dividímonos en dous grupos para visitar as redes de recollida de aves -previamente colocadas polos aneladores, así como tamén a mesa de traballo. Observamos como se recollen as aves que caeron nas redes e o coidado e habilidade que debe ter o persoal anelador neste momento. Os rapaces e rapazas estiveron moi atentos e amosaron especial ilusión por poder levar ás aves da zona das redes á mesa de traballo.
A continuación puidemos observar todo o proceso na mesa de traballo: como se pesan as aves, como identificar o sexo ou idade, como se recollen estos datos por escrito e como se coloca o anel. Despois procedemos a liberar as aves, os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de sentir o paxaro na man e abrila para deixar que emprenda o voo libremente. Unha experiencia marabillosa!!
O día acompañou e tivemos a inmensa sorte de ver unha gran diversidade de aves:
Os e as CCI’s amosaron un gran interese durante toda a xornada e foron anotando nos seus cadernos de campo aqueles detalles que mais lles chamaron a atención.
Rematada a actividade de anelamento e recollidas as redes, os rapaces e rapazas desfrutaron da observación de diversas aves a través de medios ópticos como prismáticos ou telescopios.
Unha xornada moi gratificante na que, ademais de ver o proceso de anelamento científico de aves, desfrutamos do campo e da riqueza en biodiversidade presente no encoro de Cecebre. Dende aquí, o noso agradecemento aos membros do Grupo Naturalista Hábitat que nos acompañaron e guiaron durante toda a xornada!