Archivo del sitio

III Xornadas de Iniciación á Ornitoloxía

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) organizan, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, as III Xornadas de Iniciación á Ornitoloxía.

As xornadas, de carácter divulgativo e orientadas ao público en xeral interesado en iniciarse no mundo da ornitoloxía terán lugar o venres 30 e o sábado 31 de maio no Castelo de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña). Farase especial fincapé nas aves mariñas da Comarca das Mariñas, que se atopa dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Xornada ornitoloxia

O programa para o venres 30 de maio é o seguinte:

  • 16.00 Código de boas prácticas do perfecto ornitólogo, da man de Sergio París Gómez – técnico ambiental na SGO.
  • 16.30 Aproximación ao anelamento como ferramenta científica, da man de Alberto Monteagudo – biólogo na SGO.
  • 17.30 Descanso
  • 18.00 As aves nas Mariñas. Onde ver aves en:

              – Oleiros e Sada, da man de Sergio París GómezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – Arteixo, da man de Xabi VarelaSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – A Coruña, da man de Óscar VázquezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

              – A Ría de Betanzos, da man de Santi VázquezSGO e Grupo Naturalista Hábitat

Para o sábado 31 de maio está prevista unha saída polo encoro de Cecebre e unha sesión de anelamento do Programa Passer, da man do Grupo de Anelamento Píllara.

As prazas para as xornadas son limitadas e requírese previa inscrición. Ten un custo de 10 €.

Para máis información poñerse en contacto co CEIDA: correo electrónico formacion@ceida.org e teléfono 981 630 618.

Inspección Costeira de Aves Orilladas (ICAO)

Benqueridos CCI’s hoxe queremos trasladarvos coñecemento dun proxecto que nos chegou da mán dos nosos amigos do Grupo Naturalista Hábitat. É un proxecto ben interesante do que podedes participar e formar parte moi activamente no voso tempo libre.

Estamosvos a falar das ICAO ou o que é o mesmo, da Inspección Costeira de Aves Orilladas. Este proxecto ten como obxectivo monitorizar a chegada á costa de aves vivas e mortas que poden producirse ao longo do litoral da Península Ibérica. Baséase no traballo altruista de voluntarios que inspeccionan a pé e de forma detallada tramos de costa. As ICAOs poden ser coordinadas de forma simultánea ou ben realizarse de forma oportunista, especialmente despois de condicións meteorolóxicas adversas e posibles verquidos de sustancias contaminantes ao mar.

Hai que ter en conta que a sucesión de temporais deste inverno tiveron un grave impacto sobre a avifauna mariña. Dende comezos de febreiro milleiros de aves están aparecendo mortas nas praias do Cantábrico e o golfo de Viscaia asi como tamén son moitas as atopadas nas costas británicas, francesas e españolas. A prensa fíxose eco desta mortandande, con artigos como o publicado polo diario El País, con información de SEO/BirdLife, que consideraba o impacto destes temporais como unha especie de “Prestige” meteorolóxico.

Unha ICAO coordinada  polo Grupo Ibérico de Aves Mariñas  (GIAM)  de SEO/Birdlife e formada por un cento de voluntarios xa tivo lugar o pasado 15 de marzo e percorreu todo o litoral atlántico español dende Galica ata Euskadi.

Pero vós podedes aportar o voso grao de area de forma individual porque como vedes a participación é moi sinxela: un simple paseo pola praia, anotando nesta ficha unha serie de características (praia, hora, marea, extensión percorrida…) e as aves que se atopen mortas

Para non repetir praias é importante coordinarse, así que se vas participar, é preciso que mandes un correo a atoblue5@yahoo.es, indicando nome completo, praias a prospectar e un móbil de contacto. Se ademais queres estar cuberto polo seguro que SEO/Birdlife xestiona para os voluntarios nesta actividade, deberás indicar teu número de DNI.

As praias que xa están cubertas, e que non deben ser prospectadas para evitar duplicidades, son: As Catedrais (Ribadeo), Reinante, Benquerencia e Altar (Barreiros), e Llas (Foz), A Barra (Ponteceso), Traba e Laxe (Laxe), Seiruga e Malpica (Malpica).

Por se vos animades, deixámosvos máis información, aquí.