Archivo del sitio

O CCI comeza de novo cheo de luz!!!

imaxe de publicidade do CCI 2015: Luz en aCCIón

Ola CCIs!!!

Votabádesnos de menos? Pois nós a vós si! E mostra diso é que durante todo este tempo sen novas estivemos traballando para, por fin, ofrecervos un novo CCI!

Este novo ano 2015, dende as Bibliotecas Municipais queremos sumarnos á Asemblea Anual da Organización das Nacións Unidas (ONU), que proclamou o 2015 como o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz, e adicar o noso Club de Ciencia e Investigación a experimentar e ata descubrir os segredos que a luz agocha nas sombras.

Ide preparando os ollos, a imaxinación e toda a ciencia que teñades nos vosos miolos porque o 13 de xaneiro daremos comezo a un CCI cheo de raios, cores, ondas e ata de ilusións… ópticas!

Se tedes entre 9 e 13 anos, moita curiosidade e, sobre todo, ganas de retos, podedes inscribirvos a partir do luns 22 de decembro a través do formulario que sairá neste mesmo blog. Recordade que somos 2 bibliotecas e que deberedes escoller unha delas para participar no CCI:

Biblioteca Infantil e Xuvenil. Martes ás 18.30 h.

Biblioteca Fórum Metropolitano. Xoves ás 18.30 h.

E se xa non podedes esperar máis e tedes curiosidade polo que a luz pode, ou non, facer, deixámosvos unha mostra da “maxia” desta que ata poderedes comprobar na casa.

.: Máis información a través do noso facebook

Que comece o experimento!!!

Os Centros de Recuperación de Fauna Silvestre

Nestes meses de verán é máis frecuente que se atopen aves en perigo ou mal feridas, tanto nas beiras dos ríos, na montaña ou mesmo nas praias.Ante esto CCI’s debedes saber que os animais salvaxes requiren uns coidados moi específicos, por iso, temos que ser conscientes de que cando nos encontramos un animal salvaxe (aínda que estea no mesmo paseo da praia ) o máis beneficioso para o animal é estar libre e san.

Para esta tarefa existen os centros de recuperación de fauna salvaxe, que se encargan de curar, rehabilitar e liberar a todos os que poden de forma gratuíta. Isto fano posible porque coñecen a problemática e as posibles solucións. No caso das aves (e en xeral de calquera animal salvaxe), é importante actuar con rapidez e levalo canto antes a un centro, tanto se é un adulto ferido coma se é un polo acabado de nacer que caeu do niño.

Estes son algúns consellos prácticos de como actuar no caso de atopares unha ave mal ferida:

  • As aves necesitan unha hidratación axeitada (non abonda con darlles auga directamente na boca, e isto ademais pode causarlles danos irreversibles)

  • se non están correctamente hidratados, non poderán alimentarse, polo que é contraproducente forzarlles a comer.

  • A miúdo a comida que se lles proporciona na casa non é a axeitada (por exemplo: non serve de nada alimentar a base de peituga de polo un bufo pequeno posto que é un alimento preparado para seres humanos e non contén os compoñentes nutricionais que necesitan as rapazas.

  • Outra advertencia, XAMAIS lle deades a unha ave pan con leite, NON SON MAMÍFEROS). Moitos polos pasan por diferentes fases de alimentación e se se trastorna algunha delas, o animal pode sufrir as consecuencias nun futuro non moi afastado

Por iso vos pedimos encarecidamente que se atopades un animal salvaxe, vos poñades en contacto canto antes co centro máis próximo ou coas autoridades, estaredes a aumentar as posibilidades de éxito na recuperación do animal. Aquí vos deixamos o listado de todos os centros que hai en Galicia e sabede que o da provincia da Coruña está en Santa Cruz de Oleiros.

GRAZAS pola vosa colaboración e por contribuir así a mellorar o medio ambiente!

“Científicas galegas en acción”

ciencia en accion“Ciencia en Acción” é unha iniciativa do Consello Superior de Investigacións Científicas, o Instituto de Ciencias Matemáticas, a Real Sociedade Española de Física, a Real Sociedaga Española de Química, a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, a Sociedade Xeolóxica de España e a Universidade Nacional de Educación a distancia. É un programa aproxima a ciencia e a tecnoloxía ao gran público dun xeito dinámico, doado e ameno.

cartel

Este ano celébrase a décimo quinta edición de “Ciencia en Acción” e terá lugar do 3 ao 5 de outubro en CosmoCaixa Barcelona e contará con presenza galega.

Unha web galega de mulleres científicas e investigadoras foi seleccionada. En busca da Igualdade, da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña é a  web en cuestión, elixida como un dos traballos gañadores nesta décimo quinta edición na modalidade de Ciencia, Enxeñaría e Valores.

Na páxina web recóllese a biografía e as obras dun bo número de mulleres que traballaron e traballan nos distintos eidos da ciencia, a cultura, a tecnoloxía ou as artes. A idea, informa a Oficina, xurdiu a partires da exposición Mulleres nas bibliotecas, organizada con motivo do Día Internacional das Mulleres.

Haberá que agardar a outubro para saber se finalmente a presenza galega chega á final europea.

Día do Científico Galego

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou o pasado luns 16 de xuño a VII edición do Día do Científico Galego, dedicado este ano ao naturalista Luis Iglesias.

luis iglesias iglesias

A Real Academia Galega de Ciencias celebra dende 2008 o Día do Científico Galego, co obxectivo de divulgar a investigación e a ciencia entre a sociedade en xeral e a comunidade educativa en particular. E a Fundación Barrié, a través de educaBarrié, colabora neste importante proxecto coa elaboración e difusión de materiais didácticos sobre a vida e a obra dos homenaxeados, así como no desenvolvemento de actividades para escolares e familias, e visitas guiadas, obradoiros, espectáculos, actividades na rúa, concursos, etc.

 Luís Iglesias Iglesias, nado en Teis, Vigo, o 2 de xullo de 1895 e finado en Santiago de Compostela o 29 de decembro de 1977, foi un científico galego. Estudou Bacharelato en Vigo e en Madrid Ciencias Naturais e Medicina. Dedicouse á docencia e a súa obra investigadora centrouse, sobre todo, na Entomoloxía (o estudio científico dos insectos). Tamén colaborou na Historia de Galiza de Otero Pedrayo, escribindo a parte de Zooloxía.

 maria-wonenburger-sabia-L-HLl0Yi_1__1

Pero queremos aproveitar tamén este día tan sinalado para facernos eco da triste noticia que estes días recollían todos os medios de comunicación, a morte os 86 anos da matemática e científica coruñesa María Wonenburger que obtivo tardiamente os honores da comunidade científica galega e española e das institucións políticas e reivindicar asi tamén o papel das mulleres no eido científco.

De seguro que os CCI’s das Bibliotecas Municipais serán tamén no futuro uns grandes científicos e científicas galegos, dende o Club de Ciencia e Investigación animámolos a que sigan traballando e non abandonen nunca esa ansia e inquietude pola ciencia e polas gañas de aprender que sempre os acompaña!!

Resumo da XIX edición do Día da Ciencia na Rúa

O Parque de Santa Margarida converteuse un ano máis nun gran laboratorio de probas onde os grandes protagonistas foron os nenos. Fóra das aulas, a ciencia mostrou con entusiasmo a súa faciana máis divertida. Pero baixo a apariencia do xogo houbo experimentación en estado puro, respostas a realidades explicables grazas á curiosidade científica.

Foi a decimonovena edición do Día da Ciencia na Rúa onde 40 centros educativos e entidades tiveron o seu propio posto nesta edición, o maior número ata o momento. E entre eles as Bibliotecas Municipais da Coruña que estiveron representadas como non a través do seu Club de Ciencia e Investigación.

No DCR os CCI´s tomaron o protagonismo e foron o eixo e centro das actividades que se desenrolaron. Amosaron o stand aos visitantes, os libros sobre natureza e aves que levamos como mostra e que os socios podian levar en préstamo, explicaron o proceso de anelamento das aves mediante o xogo “Non perdas os aneis” e déronlle un toque poético á jaima co “Laboratorio xerador de Haikus”.

Durante todo o día os CCI´s non pararon de recibir visitantes na jaima das Bibliotecas Municipais onde unha das cousas que máis gustou foi a “Guía de lectura” elaborada co material bibliográfico co que traballamos ao longo destes 4 meses no Club de Ciencia e Investigación e que este ano 2013-2014 estaba centrado na temática do naturalismo e máis concretamente nas aves.

Pero tamén houbo tempo para visitar o resto de jaimas. Un xardín botánico, ensinar a muxir unha vaca, ou a pescar unha moeda na auga sen mollarse foron algunhas das alternativas que máis chamaron a atención dos rapaces e rapazas do CCI, que tamén quixeron saber como funciona un submarino ou os circuítos electromagnéticos.

Outro feito destacable é que na jaima estivemos acompañados polos que foron os nosos compañeiros de aventuras este CCI 2013-2014, os membros do Grupo Naturalista Hábitat que trouxeron todo tipo de material, unha chea de documentos (libros, revistas, folletos, carteis), artiluxios que empregan nas súas saídas de campo e pequenos tesouros como ovos de paxaro, plumas, esqueletes e osos de animais que chamaron a atención dos visitantes máis curiosos.

 Sen dúbida foi un día de moito axetreo, unha chea de xente visitando a nosa jaima, entrevistas para a radio, a visita do alcalde, pero vendo as caras de satisfación dos CCI’s dan gañas de poñerse a organizar xa a próxima edición porque son este tipo de actividades ás que fan que os nenos e nenas se impliquen e estean motivados.

Este foi só un pequeno resumo do día grande do Club de Ciencia e Investigación das Bibliotecas Municipais, se queredes ver máis fotos visita a nosa galeria en Flickr

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

10 de maio: XIX Edición do Día da Ciencia na Rúa

Xa non queda nada, estamos en vésperas da tan esperada cita para os membros do Club de Ciencia e Investigación (CCI) das Bibliotecas Municipais, o Día da Ciencia na Rúa (DCR) que coma tódolos anos dende o 1996 se ven celebrando o primeiro sábado do mes de maio no Parque de Santa Margarita por iniciativa da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

Día da Ciencia na Rúa 2014

Cartel do Día da Ciencia na Rúa 2014

 No DCR os CCI´s toman o protagonismo e serán o eixo e centro das actividades que se desenrolen. Serán os que amosen o stand aos visitantes, os que saian nos videos promocionais da actividade, os que mostren os libros científicos que van estar no stand… e os que poñan en práctica todo o aprendido ao longo destes catro meses de CCI nos que, baixo o lema aCCIón ambiental, nos adentramos na temática naturalista e máis en concreto no mundo das aves.

 Nas sesións previas os CCI´s estiveron ultimando os detalles e poñendo todo a punto para que no DCR saia todo a pedir de boca.

Unha das sorpresas que temos preparada é un Laboratorio xerador de Haikus posto que teñen moita relación co tema tratado este ano no CCI, o naturalismo. Os haikus son composicións poéticas de orixe xaponesa que constan de tres versos, de 5, 7 e 5 sílabas, sen rima e a temática busca sempre describir os fenómenos naturais, o cambio das estacións, ou a vida cotiá da xente.

 

Co “Xogo dos pares” os CCI´s demostrarán que reúnen todas as cualidades para ser un bo naturalista.  E co xogo “Non perdas os aneis” explicarán e poñerán a proba aos asistentes no coñecemento do proceso de anelar aves, unha das saídas que se o tempo nolo permite poñerá o broche final a este CCI 2014.

E un dos platos fortes serán sen dúbida os roteiros que faremos polo Parque de Santa Margarita guiados polos nosos compañeiros e colaboradores deste ano no CCI, os membros do Grupo Naturalista Hábitat, onde os CCI’s facendo uso das súas capacidades observadoras irán sacando fotos coas que realizaremos un concurso final.

Lembrade que tanto os roteiros coma o resto de actividades están abertas a todo o público que queira participar. A cita, mañá sábado 10 de maio no Parque de Santa Margarita. Agardámosvos!

aCCIón de campo

A semana pasada tivemos a segunda sesión nas Bibliotecas Municipais Ágora,  Forum Metropolitano e Infantil e Xuvenil, baixo o nome “aCCIÓN DE CAMPO”
Nesta sesión os rapaces descubriron grazas aos libros, as tablets e a unha presentación de prezi o que é un caderno de campo, para que serve e quen o emprega.
Entre todos fixemos un pequeno recordatorio da primeira sesión deste ano, xa que houbo CCI´s novos que non puideran asistir á nosa primeira cita.
Lembramos as cualidades que ten que ter un investigador naturalista, como son:
– a paciencia,
– a memoria e
– unha boa observación facendo un xogo que moito lles gustou.
Poñendo a proba a súa capacidade observadora, fixemos unha serie de preguntas sobre nós mesmos nas que nos decatamos da importancia dos pequenos detalles… Neste xogo tiñan que fixarse no que levaban posto e como eran os seus compañeiros e despois facíamos preguntas sobre algún compañeiro e tiñan que acertar, con este xogo os rapaces descubriron a importancia dos pequenos detalles que só se conseguen apreciar cando un observa detidamente, algo moi necesario na observación de aves.
Nesta sesión fóronlles entregados os seus cadernos de campo e mesmo fixeron unha práctica para estar preparados para a seguinte sesión, na que contaremos coa presenza do Grupo Naturalista Hábitat.
Rematamos este encontro cada un co seu CCI- lote xa que o primeiro lote que levaron gustoulles moito e quixeron levar outro en préstamo.
Lembrade que tedes á vosa disposición o noso catálogo por se queredes ir descubrindo máis cousiñas sobre as aves e o naturalismo.

Inscrición ao programa CCI deste ano 2014

Boas CCI’s!!!

Hoxe comeza a inscrición para o CCI deste ano 2014 e acaba o martes 14 deste mesmo mes, un CCI que estará cheo de aventuras… Como xa saberedes, este ano o adicamos á Natureza e máis en concreto ás aves. Así que vade preparando os prismáticos, afiando os lapiceiros e agudizando os sentidos a curiosidade, e por suposto exercitando a paciencia, algo que sempre precisa un bo naturalista. Converterémonos en científicos de campo adicados á investigación e ao estudo da natureza e do medioambiente.

Se tedes curiosidade por todo o que imos facer, non tedes máis que botarlle un vistazo ao blog e ir descubrindo un pouco máis sobre que o que nos depara este ano para chegar a ser un bo naturalista.

Se tes entre 9 e 13 anos, non o dubides máis e cubre o seguinte formulario cos teus datos. Tamén podes achégarte ás Bibliotecas Municipais Infantil e Xuvenil, Forum Metropolitano e Ágora, nas que este club ten a súas sedes e apuntarte no mostrador ou chamando por teléfono.

Ágora Tel: 981189886
Forum Tel: 981184298
Infantil Tel: 981184388

XA NON QUEDAN PRAZAS PARA O CCI DE ESTE ANO!!!

Expedición Bestifosiliario

O pasado venres os CCI´s do Ágora visitamos as antigas aulas e o museo do IES Salvador de Madariaga. Vimos animais disecados diversos, restos fósiles, fetos de diversas especies… incluso un frasco de Abono radioactivo! Alguén me pode explicar para que serve?

Houbo CCI´s moi valentes pero tamén houbo algún outro un pouco medoso! Menos mal que tiñamos linternas que senón…

Recordade que o próximo mércores en Ágora, o xoves no Fórum e o sábado na Infantil terá lugar a seguinte expedición do CCI: a expedición Bestifosiliario da era mecanozoica. Entendedes algo?

Só vos diremos que non esquezades algo moi importante: traer algún obxecto que non sexa moi grande (non vale traer a profe de mates) (nin a de Lingua!): un mando vello dunha consola, un gormiti co que xa non xoguedes, un teléfono móbil desfasado…

Vémonos, CCI´s!!