Archivo del sitio

Observación pública da eclipse de Sol na Coruña

https://i0.wp.com/upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/e/e9/SE2015Mar20T.gif

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Casa das Ciencias convocan unha observación pública da eclipse de Sol. Será este venres 20 de marzo, entre as 09.00 e as 11.30 horas, nos arredores da Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarita, A Coruña) e a asistencia é libre e de balde.

Na mañá do venres 20 de marzo de 2015 terá lugar unha eclipse de Sol. En diversos lugares de Escandinavia (Illas Faroe e Svalbard) a Lúa ocultará completamente o disco solar. Na Península Ibérica a ocultación será parcial, mais seremos os habitantes do noroeste os que teñamos as mellores condicións de observación. Dende A Coruña chegaremos a ver o 76% do disco solar oculto pola Lúa.

Na Coruña a eclipse do 20 de marzo comezará despois das nove da mañá e rematará contra as once e cuarto. O máximo da eclipse -a maior porcentaxe de ocultación- acontecerá pouco despois das dez. Non chegará nin moito menos a facerse de noite, mais si será perceptíbel unha diminución da luz ambiental e da temperatura.

Unha casualidade cósmica.
Unha eclipse de Sol consiste na ocultación progresiva do disco solar pola Lúa cando esta se interpón entre a estrela e a Terra. O fenómeno prodúcese por unha extraordinaria casualidade cósmica: o Sol é catrocentas veces máis grande cá Lúa mais tamén está catrocentas veces máis lonxe, co cal os seus tamaños aparentes vistos dende o noso planeta son moi semellantes.

Infrecuente, mais non excepcional.
As eclipses solares non son acontecementos excepcionais a escala planetaria, mais nun lugar determinado son relativamente infrecuentes. A franxa da Terra afectada pola sombra da Lúa na que a eclipse chega a verse como total é bastante estreita -apenas uns centos de quilómetros-, de maneira que ao longo da nosa vida aínda que se produzan bastantes eclipses de Sol serán moi poucas as que sucedan preto de onde nós vivimos. Así, a última eclipse total de Sol vista en Galicia foi a de 1912 e non teremos outra até 2026. A eclipse parcial do 20 de marzo será un bo aperitivo, como tamén foron a de 1999 e a anular de 2005.
Ademais, non abonda coa interposición da Lúa entre a Terra e o Sol, cousa que sucede cada vez que é Lúa Nova. A órbita da Lúa está lixeiramente inclinada respecto do plano de xiro da Terra arredor do Sol -uns 5 graos- e esa pequena diferenza é suficiente para que as máis das veces a sombra da Lúa pase por enriba ou por debaixo da Terra e non se vexa unha eclipse. Só cando a Lúa
está preto dun dos puntos nos que se corta a súa órbita arredor da Terra coa órbita da Terra arredor do Sol, os chamados “nodos”, os tres astros poden quedar perfectamente en liña e a súa sombra chega a ocultar o Sol en todo ou en parte.

A seguridade ante todo.
A observación pública da eclipse que se celebrará nas inmediacións da Casa das Ciencias, no Parque de Santa Margarita, permitirá seguir o fenómeno en boa compaña e con seguridade. Cómpre lembrar que nunca se debe observar o Sol directamente sen protección, tampouco durante unha eclipse. A intensidade da luz do Sol -non só a visíbel, tamén a emitida noutras frecuencias, como a infravermella ou a ultravioleta- é suficiente para producir danos irreparábeis nos nosos ollos. As “gafas de eclipse” semellan seguras para botar unha breve ollada ao Sol, mais non se deben empregar de maneira continua durante unha observación longa. Aínda con elas postas deberemos mirar o Sol só durante lapsos curtos de tempo. Estas gafas de eclipse xamais poden ser empregadas como filtro en binoculares ou telescopios. Tampouco se debe recorrer baixo ningún concepto a “trucos caseiros” para a observación do Sol: non serven nin as gafas de Sol nin os cristais afumados, radiografías, negativos ou calquera cousa parecida, obxectos que no mellor dos casos reducen un pouco a luz visíbel mais non protexen en absoluto os ollos doutras formas de radiación.

Un día para gardar o telescopio.
O perigo da observación directa do Sol multiplícase se miramos a través de cámaras de fotografía ou vídeo. O risco é extremo no caso de prismáticos ou telescopios, aparellos que concentran a luz e poden chegar a queimar fisicamente a retina. Existen filtros profesionais para a observación solar, mais son caros e delicados polo que non deben empregarse en observacións abertas ao público. Un telescopio orientado ao Sol constitúe un risco, sobre todo en presenza de menores que descoñecen o dano que pode causar nos ollos. Afortunadamente existen métodos para observar a súa progresión con total seguridade mediante a proxección da imaxe do disco solar. Do que se trata é de mirar a eclipse, non de mirar o Sol. Durante esta observación, o persoal da Casa das Ciencias e membros da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío achegarán algúns destes métodos, e compartirán co público asistente a súa experiencia na observación de eclipses totais.

Actividades para facer na casa e na escola.

  1. Unha eclipse é unha escusa perfecta para gozar da ciencia coa familia e cos amigos. Por que se producen as eclipses? é unha pregunta que nos desafía a procurar máis información sobre o tema e a construír modelos do sistema solar a escala que nos axuden a entender mellor o fenómeno. O divulgador científico X. Dosi Veiga preparou canda a eclipse anular de Sol de 2005 un exhaustivo manual cheo de información interesante que podedes consultar ou descargar neste enderezo.
  2. Para a observación do Sol por proxección hai varios procedementos sinxelos que se deben preparar con antelación. Un deles consiste en montar un “tubo” de observación solar, tal e como nos propoñen dende a Agrupación Astronómica de Navarra neste documento con instrucións detalladas.
  3. Un sistema parecido é o que nos explica (en inglés) Sarah Roberts en AstroEdu, empregando material que temos nas casas.
  4. No sitio web do Planetario de Pamplona hai unha sección específica con propostas de actividades.

Para percibir a eclipse nin sequera é preciso mirar o ceo. Os ocos entre as follas das árbores actúan coma unha cámara escura e proxectan no chan centos de imaxes do Sol, que ese día veremos “incompleto”, mordido pola Lúa. O mesmo efecto podemos provocalo empregando, por exemplo, as escumadeiras que empregamos na cociña ou calquera obxecto con pequenos orificios.

Lembrade que dende que a Lúa comeza a ocultar o Sol até que sae por completo transcorren algo máis de dúas horas. É un intervalo suficientemente longo como para que todos -e en especial os nenos- teñamos oportunidade de experimentar a eclipse de diversas formas, con calma, sen présas.

O máis importante: é unha mañá para pasalo ben!

Fonte:

Anuncios

Semana Santa nos Museos Científicos da Coruña

Aviso a navegantes do CCI con ganas de aproveitar a Semana Santa.

mc2

O tres Museos Científicos Coruñeses estarán abertos tódolos días durante toda a Semana Santa (do 23 ao 31 de marzo) cun horario especial. A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae abren as súas portas ós ollos curiosos e inquedos con distintas experiencias:

Na DOMUS atoparedes a exposición interactiva “Xogo de neuronas”, sobre a intelixencia humana, na que se exploran diversos aspectos da anatomía e funcionamento do cerebro. Propón actividades que pon en práctica as diferentes habilidades das persoas, como tentar reproducir nun teclado unha melodía, clasificar uns seres extraterrestres, realizar un debuxo seguindo instrucións verbais, ou probar os reflexos e a axilidade nun panel con pulsadores a diferentes alturas que hai que tocar cando se acenden.

Como complemento, cada día a Domus ofrece 4 sesións de Cine 3D.

Na CASA DAS CIENCIAS acábase tamén de estrear o programa de planetario “Enerxía para a vida”, no que se aborda a importancia das enerxías renovables, pero tamén fala dos combustibles fósiles e da enerxía nuclear. As espectaculares animacións a toda cúpula permiten ao público voar sobre os rañaceos de Manhattan, introducirse no interior da cheminea dunha central térmica, viaxar aos confíns da nosa galaxia ou penetrarse nas tripas dun aeroxerador.

Cada día ofrece 4 sesións de Planetario dixital.

No AQUARIUM FINISTERRAE, como xa vos comentamos, temos a recente incorporación de lampreas ao tanque cilíndrico, na sala Maremagnum. Cara a mediados desta semana Santa as lampreas recibirán a compañía dunha pequena poboación de esturións.

O Aquarium inclúe ademais nas súas actividades diarias a alimentación das focas, que comen todos os días ás 11.30 e 17 horas, momento no que se convoca ao público e ofréceselle unha charla divulgativa sobre estes animais; tamén, luns, mércores e venres, ás 12 da mañá, pódese ver como se lles dá para comer ás quenllas da piscina do Nautilus.

E con todo isto, e todo o que se vos ocorra, moi bos días de minivacacións!

Á volta contádenos todo o que fixestes!