Archivo del sitio

Cine en 3D na Domus

“O último arrecife” é unha película en 3D que convida a mergullarse nos iridiscentes arrecifes tropicais, para coñecer a beleza e relevancia de todos os seus habitantes. Son ecosistemas ameazados, ante os que se expón unha reflexión sobre o noso papel na súa protección e conservación.

Adoitamos pensar nos arrecifes como lugares exóticos e afastados con pouca ou ningunha conexión coa nosa vida cotiá. Nesta película preséntanse como cidades baixo o mar cheas de vida, cunha existencia paralela á nosa, distante pero indiscutiblemente conectada.

Os arrecifes son puntos quentes de biodiversidade, tan vitais para a vida na Terra como os bosques tropicais. Durante millóns de anos estiveron modelando nosas costas, formando illas e montañas. Os rexistros fósiles mostran que, nun pasado, puideron rexurdir tras un dos maiores episodios de extinción masiva de especies.

A película, que realiza paralelismos entre a vida no arrecife e nas cidades, foi gravada en diversas localizacións, desde as illas de Palau en Oceanía, a Bahamas, Nova York, Londres, Miami ou a Polinesia Francesa.

A partir do venres 21 de decembro proxectarase na Domus co seguinte horario:
Venres 21 de decembro ás 18 horas
Do 22 ao 31 de decembro, de luns a domingo, ás 12, 13, 17 e 18 horas
Do 2 ao 4 de xaneiro ás 12, 13 e 17 horas
A partir do 5 de xaneiro, de luns a venres ás 17 horas. Sábados, domingos e festivos, ás 12, 13, 17 e 18 horas.

Anuncios