Archivo del sitio

Debuxando debuxando… seguimos observando

Ó longo do CCI deste ano decatámonos, entre outras moitas cousas, de que o que máis e o que menos ten unha vea artística importante.

Temos CCIs ós que lles gusta escribir e contar experiencias, ós que lles gusta rebuscar na información curiosidades varias, ós que se volven tolos pola fotografía e, como non, ós que o debuxo saca o mellor deles.

Todos, e digo todos, poderán disfrutar este sábado da aCCIón conxunta que as Bibliotecas Municipais lles temos preparada da man dos integrantes do Grupo Naturalista Hábitat nos arredores da Torre de Hércules. Para iso, só temos que recordar, que é necesario que leve un naturalista cando sae a explorar?

Calzado e roupa cómoda, entre o que non podemos olvidar unha gorra.

Auga e algo de comida, por se apreta a fame nalgún momento (bocadillo, galletas, fruta… o que cada un queira).

Caderno de campo con lápis, bolígrafo ou cores. Moi importante, para deixar probas de todo o atopado ese día.

Cámara de fotos (vale tamén a cámara do móvil) sempre que se poida.

Prismáticos e lupa, no caso de ter na casa, que non fai falla mercalos!

Recordade que o máis importante é pasalo ben, aprender moito e seguir descubrindo os arredores e toda a súa biodiversidade, tan rica coma sorprendente.

E para os que o sábado se queden con ganas de desenvolver a súa vena artística na natureza, o CEIDA ofrece o domingo 11 de maio no Castelo de Santa Cruz un obradoiro de técnicas básicas de debuxo da natureza que de seguro será espectacular.

Cartel do Obradoiro de debuxo da natureza 2014 no CEIDA

Xa sabedes, a disfrutar tódolos días un pouquechiño da beleza do que nos rodea!

 

aCCIón de campo

A semana pasada tivemos a segunda sesión nas Bibliotecas Municipais Ágora,  Forum Metropolitano e Infantil e Xuvenil, baixo o nome “aCCIÓN DE CAMPO”
Nesta sesión os rapaces descubriron grazas aos libros, as tablets e a unha presentación de prezi o que é un caderno de campo, para que serve e quen o emprega.
Entre todos fixemos un pequeno recordatorio da primeira sesión deste ano, xa que houbo CCI´s novos que non puideran asistir á nosa primeira cita.
Lembramos as cualidades que ten que ter un investigador naturalista, como son:
– a paciencia,
– a memoria e
– unha boa observación facendo un xogo que moito lles gustou.
Poñendo a proba a súa capacidade observadora, fixemos unha serie de preguntas sobre nós mesmos nas que nos decatamos da importancia dos pequenos detalles… Neste xogo tiñan que fixarse no que levaban posto e como eran os seus compañeiros e despois facíamos preguntas sobre algún compañeiro e tiñan que acertar, con este xogo os rapaces descubriron a importancia dos pequenos detalles que só se conseguen apreciar cando un observa detidamente, algo moi necesario na observación de aves.
Nesta sesión fóronlles entregados os seus cadernos de campo e mesmo fixeron unha práctica para estar preparados para a seguinte sesión, na que contaremos coa presenza do Grupo Naturalista Hábitat.
Rematamos este encontro cada un co seu CCI- lote xa que o primeiro lote que levaron gustoulles moito e quixeron levar outro en préstamo.
Lembrade que tedes á vosa disposición o noso catálogo por se queredes ir descubrindo máis cousiñas sobre as aves e o naturalismo.