Archivo del Autor: dmaseda

Pasou o día…

… e pasou a romaría!

Sabes que pasaría se lanzas ao aire, a -41ºC, unha pota chea de auga fervida?

Un momento na jaima

Un momento na jaima

Aínda que durante o Día da ciencia na rúa fixo un sol espléndido, o noso trivial tivo practicamente o mesmo efecto na xente que visitou a jaima das Bibliotecas Municipais (cando non acertaban as respostas, claro. Porque se as acertaban todo eran risas).

Todas as preguntas que formulamos foron extraídas de algún dos materiais que temos nas bibliotecas e que formaron parte da mostra do CCI deste ano, así que se non sabes algunha non dubides en pasarte por algunha das nosas sucursais.

Outra das cousas que mostramos na jaima foron dous vídeos resumo das actividades: un específico do CCI e outro de todas as demais (bebeteca, merendas con contos, voluntariado, etc)

Aínda que acabamos de pechar un ciclo no DCR, haberá algunha sorpresiña antes da seguinte tempada. Estade atentos!

Este sábado, os CCI´s á rúa

Cooooorectooo!

Cooooorectooo!

O próximo sábado 04 de maio os membros do Club de ciencia e investigación estaremos no Día da ciencia na rúa no Parque Santa Margarita expoñendo algo que, estamos seguros, vai levantar suspicacias: o trivial do CCI!!

Elaboramos unha batería de preguntas que extraímos dos materiais desta guía e plasmámolas todas nun panel que mostraremos o sábado para comprobar canto sabedes sobre a temática á que adicamos este ano o noso club: a AUGA.

Ven á nosa jaima de 11 a 14 horas pola mañá  e de 16 a 19 horas pola tarde e demóstranos canto sabes! E se non o sabes non te preocupes, dirémosche a onde te podes dirixir para sabelo!

De códigos e de descifrar códigos

O mundo está cheo de mensaxes confusas e de mensaxes encriptadas ás que temos que darlles significado. Ás veces somos nós mesmos quen as recibimos e logo desciframos e outras veces somos quen encriptamos significados por medo a ser descubertos e por temor ás repercusións que puideran ter se fósemos claros, clarinetes…

Hai (moitas) ocasións nas que persoas que manifestan abertamente os seus sentimentos hacia alguén do seu mesmo sexo, son denostadas e humilladas. Por iso, moitas veces, optan por encriptar mensaxes.

Se falamos de encriptar e desencriptar mensaxes e de homosexualidade, temos que mencionar a Alan Mathison Turing, que hoxe en día é considerado un dos pais da ciencia da computación e o precursor da informática moderna. O 23 de xuño cumpríronse 100 anos do seu nacemento.

Durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) os nazis comunicábanse entre si mediante mensaxes encriptadas que elaboraban coa máquina Enigma. Mentres, Turing traballaba en Bletchley Park, unha instalación militar localizada no Reino Unido na que se intentaba dar coa chave para descifrar estes códigos.

Lograr a lectura da información que contiñan estas mensaxes encriptadas, supostamente protexidas, é considerada coma a causa que levou ao fin da guerra dous anos antes do que tería rematado se non se conseguira o descifrado.

Para romper cos códigos encriptados da máquina Enigma e permitir que o bando contrario aos nazis lera as súas mensaxes e anticipara os seus ataques e movementos militares, Turing deseñou a bombe, unha máquina electromecánica que permitía desbotar múltiples combinacións ao xerar unha cadea de deducións lóxicas para cada combinación posible.

Parece ser que Turing levou estes traballos en secreto supremo, nin os seus amigos máis íntimos sabían que estaba traballando nisto.

Xa rematada a guerra traballou no Laboratorio Nacional de Física deseñando o Motor de Computación Automática e máis tarde foi nomeado director delegado do laboratorio de computación da Universidade de Mánchester e logrou o desenvolvemento do software dunha das primeiras computadoras reales, a Manchester Mark I.

Tratou tamén a AI, ou intelixencia artificial, propoñendo un experimento que hoxe día se coñece coma o test de Turing para demostrar que as máquinas eran sensibles. A proba consistía nun desafío entre unha máquina e un ser humano que responden por escrito ás preguntas formuladas por un xuíz ou xuíza que visualiza as respostas nunha pantalla. Turing postulaba que se ambos xogadores eran o suficientemente hábiles, non habería xuíz que fora quen de distinguir cal era a resposta humana e cal a da máquina.

A carreira profesional de Turing rematou cando foi procesado por ser homosexual e se lle deu a elixir entre a castración química ou ir ao cárcere. Optou pola primeira e sufriu, como é lóxico, importantísimas consecuencias físicas ata que no 1954 se suicida inxerindo cianuro.

Descifrar mensaxes e desafiar as máquinas son dous temas que quixemos relacionar co tema que estamos tratando nas Bibliotecas Municipais da Coruña todo o mes de xuño, mes no que se celebra o Orgullo LGTB (lesbianas, gais, transexuais e bisexuais), que deu inicio o 28 de xuño de 1969 cos altercados de Stonewall.

Desde esa data ata o día de hoxe conseguíronse moitas cousas, e outras moitas están por conseguir.

Encriptan mensaxes os hoteis, por exemplo, cando nas súas páxinas web poñen “Hotel gayfriendly” para deixarlle claro á comunidade LGTB que serán tratados coma calquera outra persoa.

Se extrapolamos o Test de Turing ao LGTB, alguén se cre capaz de diferenciar unha parella heterosexual dunha homosexual?

Como dixemos noutra ocasión, todos somos igual de diferentes. Ou non?

Animais e Orgullo

O mundo animal é algo que sempre me resultou fascinante. Ás veces os animais son auténticos pioneiros que os enchen de honra e que nos deberían facer recapacitar sobre moitos dos nosos actos. Véñenme á cabeza dous feitos concretos que, se ben intermediou a acción do ser humano, non poderían levarse a cabo sin a figura do animal e que serviron, ou poden chegar a servir, para que o ser humano avance na ciencia e no civismo, e incluso tiveron repercusións nas manifestacións artísticas e culturais.

Un deles é o caso da cadeliña Laika, primeiro ser vivo que orbitou a Terra e que morreu entre 5 e 7 horas despois de efectuar o lanzamento da nave Sputnik 2.

A súa “aventura” demostrou que era posible que un organismo soportara as condicións de microgravidade e abriu o camiño á participación humana en voos espaciais. Despois de Laika, outros 12 cans foron lanzados ao espazo e 5 regresaron con vida. Un dos principais científicos do programa de animais no espazo e entrenador da cadela, declarou:

canto máis tempo pasa, máis lamento o sucedido. Non debimos facelo… nin sequera aprendimos o suficiente desta misión como para xustificar a perda do animal

Laika convertiuse nunha auténtica heroína e protagonista de numerosos libros e cancións. A novela Intervention de Julian May, onde a cadela é rescatada por extraterrestres; Weight de Jeanette Winterson, conta que o titán Atlas a adopta, na serie Doctor Who tratan o seu funeral, en Flash Gordon tamén é rescatada por seres doutros planetas, e grupos musicais como Arcade Fire, The Cardigans, Massacre ou Mecano compuxéronlle cancións. Os CCIs sodes moi novos para recordar isto, pero a canción de Mecano merece a pena.

Outro caso de animais pioneiros sucedeu en Nova York no ano 2000. Dous pingüíns, Roy e Silo, que vivían no zoo de Central Park e que eran parella. Non só parella por seren 2, senón porque ademais diso compartíano todo: o seu tempo,  a súa casa, os xogos, as caricias, os bicos… Eran iguais en todo a todas as outras parellas mais tiñan algo peculiar: eran dous pingüíns macho.

Todas as outras parellas xogaban do mesmo xeito ca eles, comían o mesmo alimento e nadaban á mesma velocidade; mais facían algo que Roy e Silo non conseguían: quentaban os ovos nos seus niños e nacían novos pingüíns pequechos que despois terían que criar e ensinar a nadar. Roy e Silo non comprendían o que sucedía porque eles quentaban unha pedra con forma de ovo da que non nacía ningún pingüín.

O garda do zoo, Rob Gramzay, ao darse conta da situación decidiu darlles un dos dous ovos doutra parella, Betty e Porkey, que nunca conseguiran atender máis de un ovo á vez.

Despois dos coidados de Roy e Silo naciu Tango, o primeiro pingüín criado por unha parella do mesmo sexo. Seica lle chamaron Tango porque para bailar este estilo musical fan falta dous membros. Dous coma Roy e Silo, ou coma Betty e Porkey; dous cos mesmos desexos, unidos en intencións e comprometidos un co outro.

Se Laika axudou a que o ser humano puidera viaxar ao espazo, Roy e Silo demóstrannos que unha parella do mesmo sexo pode criar fillos. Eles foron os primeiros, pero non serán os últimos. No Parque Natural Faunia de Madrid vive outra parella homosexual, Inca e Rayas, que actualmente están incubando un ovo. A súa coidadora di neste vídeo que Inca se puxo moi  nervioso cando viu un ovo no seu niño, e que non tardou máis de dous minutos en sentarse riba del e que non se levanta por nada por medo a perdelo.

A historia dos nosos protagonistas pingüíns tamén se reflicte en algún libro, como Tres con Tango, de Peter Parnell e Justin Richardson e que podes atopar nas nosas bibliotecas.
Porque todos somos igual de diferentes, ou non?


Chegou o DCR!

Pois aquí estamos todos os CCI´s mostrándolle a todas as persoas que se pasan pola nosa jaima o que fixemos ao longo deste ano no club: fósiles, vida e desaparición dos dinosauros, animais fantásticos, etc…

Houbo unha infinidade de visitantes, e non cansamos de explicar!
Ah! E falamos coa Radio Galega: CCI na onda!

James Cameron toca fondo… mariño

Ben puidéramos pensar que James Cameron comparte connosco os obxectivos do CCI deste ano. Despois do que nos contaron o sábado no CEPESMA do fondo mariño, dos 11000 metros de profundidade que ten o punto máis profundo, de que alí viven dúas de cada tres especies animais, todas descoñecidas, etc… hoxe vemos nos medios de comunicación que o cineasta acaba de sumerxirse na fosa das Marianas.

Aprovisionado cun minisubmarino, setes anos de práctica de ioga para gañar flexibilidade, un robot articulado e varias minicámaras acadou o seu obxectivo para gravalo todo e recoller mostras. A operación, denominada “Deepsea challenge”, tiña un doble obxectivo: rodar un documental e coñecer algo máis sobre a vida animal no punto máis recóndito do planeta. A aventura puido seguirse en twitter e tivo unha gran repercusión. Agora pode dicir que filmou a película máis taquilleira da historia, Avatar, e que tocou a parte máis profunda dos océanos, a fosa das Marianas, ao sudoeste da illa de Guam.

O certo é que xa houbo dúas personalidades que acadaron ese recóndito punto do planteta, Don Walsh e Jacques Piccard, mais a hazaña de Cameron vai máis aló por terse sumerxido en solitario, como vemos neste vídeo.

Esperamos poder ver pronto ese documental para ver se descubriu algo novo…

Dous días despois…

O sábado fomos actualizando o blog a medida que iban sucedendo as cousas. Tivemos problemas coa cobertura 3G e non puidemos facelo como nos gustaría.

Foi un día intenso: saímos ás 8:00h do Fórum e chegamos ao Parque da Vida ás 12:00h (fixemos unha parada técnica, claro!). Alí fixemos un percorrido pola historia do planeta para comprender como se formou, como evolucionaron os continentes e as súas masas e, por exemplo, entendimos o proceso de desaparición dos dinosauros ou o de conversión das baleas en seres acuáticos. Tivemos a ocasión de ver fósiles de cada etapa histórica e mesmo de tocarlle a un meteorito.

Despois vimos unha serie de animais que estaban recibindo os cuidados do centro de recuperación (Cepesma traballa en colaboración con Seprona, a Cruz Vermella, etc): mapaches (que odian aos humanos), mouchos, etc… e, finalmente, pudiemos tocarlle ás serpes.

De alí saímos ás 14:00h e fomos comer ao lado do Museo do Calamar Xigante, onde tiñamos a visita concertada ás 16:00h. Uns bocatas e unhas carreiras despois explicáronnos o paso do mito á realidade en torno á figura do kraken. Descubrimos que os exemplares femia sempre son moito máis grandes que os machos, que teñen os ollos máis grandes do reino animal, que as súas bocas son dun tamaño dun puño humano e que o seu exófago pasa polo medio do seu cerebro (de aí que teñan que comer pezas moi pequechas, para non golpear nin malformar o cerebro, que ten forma de rosquilla).

En fin, que foi un día cheo de aventuras que gardamos todos no recordo. E por se nos falla, sempre nos quedará a galería de fotos que preparamos para todos vós.

Vémonos na próxima sesión, CCI´s!!

Galería de fotos

 

 

A Luarca!

Agora comeremos e logo visitaremos o Museo. Subiremos fotos ao flickr na sobremesa!

Xa estamos no bus

Acabamos de saír agora mesmiño e xa empezamos a contar a aventura. Houbo algún CCI interesado en ir sentado ao lado do condutor, pero para iso hai que ter polo menos 16 anos. Uns imos con 3DS e outros con tablet, estamos todos moi familiarizados coas novas tecnoloxías.