Animais e Orgullo
O mundo animal é algo que sempre me resultou fascinante. Ás veces os animais son auténticos pioneiros que os enchen de honra e que nos deberían facer recapacitar sobre moitos dos nosos actos. Véñenme á cabeza dous feitos concretos que, se ben intermediou a acción do ser humano, non poderían levarse a cabo sin a figura do animal e que serviron, ou poden chegar a servir, para que o ser humano avance na ciencia e no civismo, e incluso tiveron repercusións nas manifestacións artísticas e culturais.
Un deles é o caso da cadeliña Laika, primeiro ser vivo que orbitou a Terra e que morreu entre 5 e 7 horas despois de efectuar o lanzamento da nave Sputnik 2.
A súa «aventura» demostrou que era posible que un organismo soportara as condicións de microgravidade e abriu o camiño á participación humana en voos espaciais. Despois de Laika, outros 12 cans foron lanzados ao espazo e 5 regresaron con vida. Un dos principais científicos do programa de animais no espazo e entrenador da cadela, declarou:
canto máis tempo pasa, máis lamento o sucedido. Non debimos facelo… nin sequera aprendimos o suficiente desta misión como para xustificar a perda do animal
Laika convertiuse nunha auténtica heroína e protagonista de numerosos libros e cancións. A novela Intervention de Julian May, onde a cadela é rescatada por extraterrestres; Weight de Jeanette Winterson, conta que o titán Atlas a adopta, na serie Doctor Who tratan o seu funeral, en Flash Gordon tamén é rescatada por seres doutros planetas, e grupos musicais como Arcade Fire, The Cardigans, Massacre ou Mecano compuxéronlle cancións. Os CCIs sodes moi novos para recordar isto, pero a canción de Mecano merece a pena.
Outro caso de animais pioneiros sucedeu en Nova York no ano 2000. Dous pingüíns, Roy e Silo, que vivían no zoo de Central Park e que eran parella. Non só parella por seren 2, senón porque ademais diso compartíano todo: o seu tempo, a súa casa, os xogos, as caricias, os bicos… Eran iguais en todo a todas as outras parellas mais tiñan algo peculiar: eran dous pingüíns macho.
Todas as outras parellas xogaban do mesmo xeito ca eles, comían o mesmo alimento e nadaban á mesma velocidade; mais facían algo que Roy e Silo non conseguían: quentaban os ovos nos seus niños e nacían novos pingüíns pequechos que despois terían que criar e ensinar a nadar. Roy e Silo non comprendían o que sucedía porque eles quentaban unha pedra con forma de ovo da que non nacía ningún pingüín.
O garda do zoo, Rob Gramzay, ao darse conta da situación decidiu darlles un dos dous ovos doutra parella, Betty e Porkey, que nunca conseguiran atender máis de un ovo á vez.
Despois dos coidados de Roy e Silo naciu Tango, o primeiro pingüín criado por unha parella do mesmo sexo. Seica lle chamaron Tango porque para bailar este estilo musical fan falta dous membros. Dous coma Roy e Silo, ou coma Betty e Porkey; dous cos mesmos desexos, unidos en intencións e comprometidos un co outro.
Se Laika axudou a que o ser humano puidera viaxar ao espazo, Roy e Silo demóstrannos que unha parella do mesmo sexo pode criar fillos. Eles foron os primeiros, pero non serán os últimos. No Parque Natural Faunia de Madrid vive outra parella homosexual, Inca e Rayas, que actualmente están incubando un ovo. A súa coidadora di neste vídeo que Inca se puxo moi nervioso cando viu un ovo no seu niño, e que non tardou máis de dous minutos en sentarse riba del e que non se levanta por nada por medo a perdelo.
A historia dos nosos protagonistas pingüíns tamén se reflicte en algún libro, como Tres con Tango, de Peter Parnell e Justin Richardson e que podes atopar nas nosas bibliotecas.
Porque todos somos igual de diferentes, ou non?
Publicado el 15 junio, 2012 en Novas. Añade a favoritos el enlace permanente. 5 comentarios.
Canto nos queda por aprender deles a pesar de que nós somos animais con roupa.
que bonito…
Pingback: Nas bibliotecas adicamos este mes a homosexualidade « Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña
Pingback: De códigos e de descifrar códigos « Club Ciencia e Investigación
Pingback: Cuentos para niños que permiten educar sobre la diversidad sexual | Bebetecas Bibliotecas Municipais da Coruña